O Concello de Ourense celebra as tres Estrelas Michelín da cidade, que se sitúa á vangarda da cociña galega

OurenseXa
O Goberno municipal desenvolverá proximamente unha campaña de promoción da cidade baixo o lema “Ourense brilla con 3 estrelas Michelín”
concello-estrelas-michelin-ourense
2 Dec 2025

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, acompañado de representantes dos grupos políticos municipais de DO, PP e PSdeG-PSOE, recibiu esta mañá no Salón de Plenos aos responsables dos restaurantes Nova, Ceibe e Miguel González, gañadores cada un dunha Estrela Michelín en 2025.

É a primeira vez que a cidade conta con 3 establecementos nesta prestixiosa lista, situándose á vangarda de Galicia no sector da restauración.

“É un orgullo ter unha representación tan alta. Que na cidade haxa 3 restaurantes agraciados é unha anomalía estatística, xa que hai moi poucas cidades en España que teñan esa honra”, salientou o alcalde, que afirma que este éxito “reforza a comida tradicional que temos en Ourense cos restaurantes de toda a vida”, e que “tentaremos que teña recoñecemento nacional”.

Pérez Jácome avanzou que o Concello aproveitará a “fortaleza” que supón o potencial gastronómico de Ourense nas compañas de promoción da cidade que desenvolverá proximamente, nas que usará o lema “Ourense brilla con 3 estrelas Michelín”.

Ao acto asistiron Julio Sotomayor e Daniel Guzmán, do restaurante Nova, que desde hai unha década loce a estrela Michelín, e que destacaron que é “un orgullo” que tres restaurantes da cidade teñan este recoñecemento. “Somos competencia pero tamén compañeiros de gremio que loitamos por facer unha hostalaría mellor”, dixo Guzmán, que valorou a importancia da promoción nun sector que necesita “desestacionalizar a nosa clientela os 12 meses do ano”.

Por parte de Ceibe, que conta coa estrela Michelín desde 2023, asistiron Xosé Magalhães e Lydia del Olmo, que felicitou o traballo de todos os compañeiros “por seguir traballando e facendo posible que a marca Ourense abarque máis alá da propia comunidade. É cuestión de traballo, loita e sacrificio, e non só noso senón tamén dos nosos traballadores, que xa son familia”. Tamén incidiu en que “fai falla máis traballo por parte da institucións para apoiar, fomentar e facer posible que os mozos queiramos emprender e seguir manténdonos no tempo”. “Queremos ser felices, traballar e levar o pan cada día aos nosos fogares”, e contribuír a que “a marca Ourense siga loitando onde ten que loitar”.

Pola súa parte, o restaurante Miguel González, que recupera a súa estrela desde un novo local na avenida de Pontevedra, destacaron que ”en Ourense estanse facendo as cousas moi ben no aspecto gastronómico. Temos un amplo abano de gastronomía de todo tipo. Ter 3 estrelas Michelín nunha localización tan pequeniña como son en 700 metros é un privilexio e un luxo, que ogallá todos o saibamos aproveitar e explotar”.

⚙ Configurar cookies
0.07896614074707