O Concello de Ourense comprométese a devolver ás instalacións de ‘La Molinera’ os seus usos iniciais a instancias do PSOE

O Concello de Ourense comprometeuse a devolver ás instalacións de La Molinera os seus usos orixinais como espazo de innovación, tecnoloxía e participación social, desbotando a opción de convertelo en sede de novas dependencias administrativas. A medida foi aprobada no pleno municipal a proposta do grupo socialista, que contou cos votos a favor do PP e do BNG, e o voto en contra de Democracia Ourensana (DO).
O edil socialista José Ángel Vázquez Barquero defendeu a moción facendo un repaso pola traxectoria do centro, lembrando que La Molinera naceu como “un centro de coñecemento” impulsado durante o goberno bipartito de PSdeG e BNG, e que máis tarde foi xestionado polo PP. Destacou que o espazo serviu como “foco dinamizador do barrio no que se atopa, máis tamén da cidade en xeral”.
Un dos puntos acordados da moción insta o executivo local a descartar definitivamente o uso do edificio para fins administrativos, ao tratarse dunha proposta “que non responde a ningunha planificación urbanística ou estratéxica pública coñecida” e que, segundo defenden os socialistas, “desaproveita un espazo singular con potencial para usos sociais, formativos e innovadores”.
Barquero sinalou que as instalacións deberían estar orientadas a “fomentar a innovación, a tecnoloxía, o emprendemento e a participación social”, cunha programación “útil e aberta á veciñanza”. Nesa liña, propuxo poñer en marcha un programa anual baixo o nome de Ourense Innova, que incluiría “formación práctica en competencias dixitais e novos oficios, talleres interxeracionais, actividades para mozos e mozas creadoras, apoio a iniciativas cidadás, un espazo estable de coworking e accións conxuntas con centros educativos, universidades e colectivos sociais”.
Por outra banda, o PSdeG non logrou que prosperase outra das súas propostas, dirixida a un uso planificado do Remanente de Tesourería. A moción, rexeitada polo pleno, incluía a elaboración dun Plan ReXenera Ourense, que os socialistas describen como “consensuado, transparente, viable e legal”.
A concelleira María Fernández Ojea defendeu a iniciativa argumentando que, máis aló dos investimentos, é necesario “saldar as débedas en materia de persoal, garantir os pagos a provedores nun tempo inferior ao actual, sanear os servizos públicos básicos e garantir a igualdade e o benestar social”. Por iso, reclamou tamén un Plan de Pago a Provedores que asegure que “o período medio de pago do Concello de Ourense sexa inferior a 30 días no primeiro semestre do ano 2026”.
A edil advertiu de que “o remanente non debería medrar mentres existen necesidades sen cubrir” e insistiu en que “abonar nóminas de traballadores e traballadoras, facer fronte a pagos no prazo legal que se exixe, evitar que os servizos públicos estean obsoletos e supoñan un sobrecoste para a veciñanza” deben ser prioridades básicas para calquera goberno local.