O Concello de Ourense conmemora o Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata

OurenseXa
A concelleira de Igualdade deu lectura á declaración aprobada pola FEMP, que reivindica o compromiso “coa construción de municipios seguros, inclusivos e libres de toda forma de violencia”
concello.conmemora-dia-trata
23 Sep 2025

O Concello de Ourense sumouse este luns á celebración do Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Mulleres, Nenas e Nenos cun acto no salón de plenos. A concelleira de Igualdade, Noa Rouco, foi a encargada de ler a declaración institucional aprobada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

“Esta xornada interpélanos, como sociedade, a reforzar o noso compromiso contra unha das manifestacións máis graves de vulneración de dereitos humanos e dignidade persoal. A trata con fins de explotación sexual, así como a industria do sexo, constitúen realidades profundamente inaceptables, que atentan contra a liberdade, a seguridade e a igualdade entre persoas”, sinalou Rouco.

A edil subliñou ademais a magnitude do problema en España. Segundo os datos do Ministerio do Interior, en 2024 identificáronse 632 vítimas de trata, das cales 376 foron explotadas sexualmente, entre elas 16 menores. O 98% das vítimas eran mulleres.

Rouco pechou o acto cunha mensaxe clara: “hoxe, 23 de setembro, expresamos o noso rexeitamento firme e decidido á trata e á explotación sexual de mulleres, nenas e nenos, e renovamos o noso compromiso coa construción de municipios seguros, inclusivos e libres de toda forma de violencia. Cada paso que demos nesta dirección será unha contribución a un futuro máis digno en que ningunha muller, nena ou neno sexa xamais tratado como unha mercadoría”.

⚙ Configurar cookies
0.092065095901489