O Concello de Ourense dá luz verde aos seus primeiros orzamentos con Jácome en solitario

O Pleno do Concello de Ourense aprobou en sesión extraordinaria os Orzamentos Xerais do Concello e do Consello Municipal de Deportes para o exercicio 2025. As contas municipais ascenden a 115.894.828,82 euros, un 12,4 % máis que en 2020, cando se situaban nos 103 millóns. O Goberno local xustifica esta suba no incremento acumulado do custo de vida —un 20,2% segundo o IPC— e na necesidade de actualizar os prezos e custos dos servizos municipais.
As contas saíron adiante e a aprobación definitiva foi posible grazas aos votos favorables de Democracia Ourensana e á abstención do Grupo Popular. Socialistas e nacionalistas votaron en contra. É o primeiro proxecto orzamentario que aproba Gonzalo Pérez Jácome desde que asumiu o goberno municipal en solitario, logo da ruptura con anteriores socios
O novo orzamento chega sen recoller investimentos directos, que se financiarán mediante o remanente de tesourería, e preséntase como unha ferramenta adaptada ao contexto actual do municipio. Aprobouse ademais unha modificación nas bases de execución orzamentaria, coa intención de axilizar trámites administrativos, reducir prazos e mellorar a xestión dos recursos públicos.
Entre os principais datos destacan:
- O capítulo de persoal increméntase nun 26 %, pasando de 31,5 a 39,8 millóns de euros, unha medida que busca dar solución a problemas estruturais arrastrados desde o ano 2014.
- As contas fan unha aposta clara pola modernización urbana, o reforzo do gasto social e a humanización dos espazos públicos.
- Establécense medidas para optimizar o gasto corrente e incrementar a axilidade na xestión municipal.
Durante a sesión plenaria, os grupos da oposición presentaron diversas emendas ao proxecto:
- O BNG formulou unha emenda á totalidade.
- O PSdeG presentou dúas emendas ao articulado: unha foi inadmitida por vulnerar o principio de equilibrio orzamentario e a outra por ser incompatible coa Base 38 das bases de execución.
- O PP, pola súa banda, retirou finalmente as súas propostas.
A concelleira de Facenda, Tamara Silva, defendeu o proxecto asegurando que “estes orzamentos responden á realidade e ás necesidades do Concello de Ourense. O cambio nas bases de execución permitirá reducir prazos, axilizar trámites e optimizar os recursos municipais. Apostamos pola modernización da cidade, por un gasto social responsable e pola xestión eficiente. Son unhas contas deseñadas para dar resposta á cidadanía con criterios de racionalidade, economía e legalidade”.
Xunto aos orzamentos, aprobáronse tamén dúas modificacións de crédito:
- A 2P72025, destinada a gastos de natureza social por un importe de 1.713.902,50 euros, saíu adiante cos votos de Democracia Ourensana e o apoio do grupo socialista, mentres que PP e BNG se abstiveron.
- A 3P72025, vinculada ao proxecto do Parque Ponte Canedo e cun importe de 5.195.734,45 euros, foi aprobada unicamente cos votos favorables do grupo de goberno; toda a oposición optou pola abstención.