O Concello de Ourense e o Colexio de Enxeñeiros de Camiños estudan posibles vías de colaboración

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, reuniuse este mércores co decano e varios membros da xunta reitora do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia para analizar a sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello e esta entidade profesional.
No encontro participaron tamén o concelleiro de Urbanismo e Infraestruturas, Francisco Lorenzo, enxeñeiro de camiños, xunto con Enrique Urcola, decano do Colexio; Eduardo Toba, representante de Galicia no Consello de Madrid; Juan Vázquez Cerreda, delegado de Ourense; e Francisco Rosado Corral, secretario do Colexio.
O principal obxectivo da reunión foi establecer vías de colaboración estratéxica que permitan optimizar recursos, promover a innovación e reforzar o papel da enxeñaría civil no desenvolvemento da cidade. O futuro convenio busca facilitar a cooperación en proxectos de interese común, especialmente en materia de infraestruturas urbanas e sostibilidade.
Ademais, prantexase crear unha vía de comunicación estable e eficaz entre o Concello e o Colexio, para fomentar unha relación máis directa e traballar de forma conxunta en iniciativas que contribúan á mellora da cidade.
O alcalde valorou positivamente a proposta e destacou a importancia de sumar esforzos para avanzar en aspectos clave como o urbanismo e as infraestruturas. Pola súa parte, Enrique Urcola salientou a experiencia dos enxeñeiros de camiños e a relevancia desta colaboración para garantir proxectos de calidade que melloren a vida da veciñanza. “Desde que te ergues ata que te deitas, todo o que utilizas está deseñado por enxeñeiros de camiños: a auga que sae da billa, as rúas, as beirarrúas ou os semáforos”, lembrou o decano, subliñando que o obxectivo é ofrecer solucións técnicas eficientes e de calidade.