O Concello de Ourense felicita a Manuel G. Rosendo polos seus recentes logros en parabádminton

OurenseXa
Rosendo proclamouse campión de España de parabádminton e conseguiu ademais a medalla de bronce no Campionato de Europa
jacome-manuek-rosendo-badminton
22 Oct 2025

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, xunto co concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, recibiu esta mañá no Concello ao deportista ourensán Manuel G. Rosendo, do Club Athlos, para felicitalo polos seus recentes éxitos deportivos.

Rosendo proclamouse campión de España de parabádminton e conseguiu tamén a medalla de bronce no Campionato de Europa, celebrado recentemente en Estambul (Turquía). O rexedor ourensán destacou a súa “brillante traxectoria” tanto no ámbito nacional como internacional e animouno a seguir acadando novos triunfos.

No campionato europeo, disputado entre o 30 de setembro e o 5 de outubro, o xogador subiu ao podio xunto ao seu compañeiro Pablo Serrano, do CB Oviedo, na modalidade de dobre masculino SU5.

Ademais, o deportista ourensán mantén o título de campión de España individual e por parellas, e este mesmo ano logrou unha medalla de bronce en dobres no Parabádminton Internacional 2025, celebrado en Lima (Perú).

Manuel G. Rosendo prepárase agora para o seu próximo gran desafío: o Campionato do Mundo, que terá lugar en Baréin o vindeiro mes de febreiro.

⚙ Configurar cookies
0.24876880645752