O Concello de Ourense investirá máis de 260.000 euros na mellora de pasos de peóns

OurenseXa
Os traballos realizaranse en sete rúas de diferentes barrios co obxectivo de aumentar a seguridade dos peóns
paso-de-peons-ourense
7 Oct 2025

O Concello de Ourense porá en marcha un plan de actuación para mellorar a mobilidade nos pasos de peóns de varias rúas da cidade, unha iniciativa que, explican, busca facilitar o tráfico para persoas con mobilidade reducida e facer máis visible a presenza dos peóns para os condutores, especialmente nas interseccións.

A inversión total destes traballos ascende a 263.958 euros e súmase a outras actuacións, como a mellora dos rebordos das beirarrúas na intersección das rúas Ervedelo e Velázquez, no barrio do Couto, cun investimento de 44.857,35 euros. Esta obra consistiu na adaptación e ampliación do paso de peóns nas esquinas para mellorar a mobilidade e a visibilidade.

Ademais, tamén no barrio do Couto, o Concello está a executar actualmente obras de características similares na intersección das rúas Zurbarán e Picasso, con un orzamento de 30.806,53 euros, así como na confluencia das rúas Zurbarán e Francisco de Moure, cun presuposto de 41.035,89 euros.

Ao mesmo tempo, estanse a realizar traballos para mellorar o paso de peóns na rúa Díaz de la Banda, preto da rotonda da Policía Nacional, cun orzamento de 31.568,95 euros, que inclúe elevar e adecuar o paso e reparar as escavacións da rúa.

O programa de actuacións desenvolvido pola Concellería de Infraestruturas, explican os responsables municipais, continuará no barrio de Vista Hermosa, coa intervención na rúa Poeta Manuel Antonio, onde se adecuarán e ampliarán os pasos de peóns para mellorar a accesibilidade e a visibilidade, cun investimento de 48.837,93 euros. Na rúa Xoán Vicente Viqueira, as obras, con un orzamento de 17.948,50 euros, consistirán na construción dunha beirarrúa para eliminar as escaleiras existentes e mellorar a accesibilidade.

Por último, o Concello traballa no cruzamento da Rúa da Canle con Roi Páez, Sandiás e Ricardo Courtier, nesta ocasión coa adaptación e ampliación dos pasos de peóns para mellorar a accesibilidade, cun proxecto que conta cun presuposto de 48.885,51 euros.

⚙ Configurar cookies
0.091184139251709