O Concello de Ourense modificará o percorrido da liña 6 a partir do luns

O Concello de Ourense modificará a partir do vindeiro luns, 6 de outubro, o percorrido da liña 6. Un cambio que se suma ás múltiples modificacións introducidas polo executivo municipal tras anunciarse o novo mapa do transporte urbano da cidade de Ourense.
Con este cambio, di o Concello, dotarase de conexión a Mende coa residencia sanitaria, a través do Polvorín, e ampliarase o percorrido da liña número 6 “Campo de fútbol do Couto-Residencia-As Curuxeiras”, desde o campo de fútbol até a estación de tren, para conectar esta última coa residencia, até que no mes de marzo entre en servizo a futura liña circular.