O Concello de Ourense, obrigado pola xustiza a anular todos os postos de traballo de nova creación desde 2020
Logo de coñecerse a sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Ourense na que, literalmente obriga, en cumprimento da sentenza de anulación do Capítulo I do Orzamento de 2020 por ter obviado a negociación colectiva á: “que se anulen os actos e as disposicións que foron aprobadas en materia de persoal pola entidade local no exercicio 2020 sen a negociación obrigatoria coa parte sindical; o que afecta aos postos de traballo de nova creación nos anos 2020, 2021 e 2022, pero tamén aos que foron modificados ou amortizados ou aos eventuais adaptados a aqueles exercicios sen a obrigatoria negociación coa parte sindical”, o BNG pedirá explicacións ao Goberno Local.
Desde o Grupo municipal do BNG adiantan que solicitarán, e así o manifesta o seu Portavoz Luís Seara que, “á vista da sentenza, o Director Xeral de recurso Humanos do Concello de Ourense compareza na vindeira Xunta de Área de Persoal para explicar cales son as consecuencias desta sentenza, a cantas persoas afecta e como teñen previsto executala”.
Seara lembra que “desde o BNG xa advertimos e preguntamos en reiteradas ocasións nas propias Xuntas de Área polas consecuencias da sentenza de anulación do Capítulo I do Orzamento de 2020, obtendo sempre a calada por resposta por parte do Goberno Local”, e engade, “sabíamos que as consecuencias económicas eran as máis inmediatas e visibles mais intuíamos que non ían ser as únicas. Agora queda acreditado que así era”.
Os socialistas piden a Jácome "que deixe de lado a creatividade e cumpla cos procedementos administrativos
Pola súa banda, desde o grupo socialista critican que, unha vez máis, o goberno de Gonzalo Pérez Jácome está “poñendo en perigo e afectando directamente ás traballadoras e aos traballadores municipais, xogando coas súas nóminas e sen facer fronte ás súas responsabilidades”, tal e como explica a edil do PSdeG María Fernández Ojea.
Lembran que, xa dende o mes de marzo, coñecíase a sentenza pola que se anulaba o capítulo I dos orzamentos municipais, insistiron en múltiples ocasións a que “cumpran o dictaminado” e co que o que se refire aos gastos de persoal “tiña que retrotraerse ao ano 2014, que son os últimos presupostos correctamente aprobados”.
“Se ben dende o executivo local se nos transmitiu que se tiñan actualizado as partidas contables e o grupo municipal socialista indicaba que isto non resultaba dabondo, coñecemos agora a través dos medios de comunicación que o xulgado contencioso-administrativo esixe que todos aqueles nomeamentos e decisións adoptadas en materia de persoal sexan anuladas porque non son conforme á sentenza”, resume a edil socialista e secretaria de Función Pública e Xustiza da Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG.
Así as cousas, esixen ao alcalde e ao seu equipo de goberno que deixen a un lado “a creatividade e a vulneración dos procedementos administrativos e fagan o seu traballo” para non cometer máis erros que perxudiquen aos empregados e empregadas, en particular, e á cidadanía, en xeral.
Insisten tamén na reactivación urxente do proceso de estabilización, en que non se deixen caducar as ofertas de emprego público de anos anteriores e en que se poña en marcha a redacción da nova Relación de Postos de Traballo.