O Concello de Ourense obtén apoio xudicial para recuperar o subsolo da Praza de San Antonio

OurenseXa
O consistorio traslada que un auto xudicial recoñece que esta zona debe permanecer como titularidade municipal
concello-ourense-recurso
24 Jul 2025

O Concello de Ourense recibiu recentemente un auto xudicial que avala a súa reclamación para recuperar a posesión pública do subsolo da Praza de San Antonio, onde actualmente se atopa un aparcadoiro e varios garaxes pertencentes a edificios. Segundo traslada o consistorio, este fallo recoñece que esta zona debe permanecer como titularidade municipal e, polo tanto, como un espazo público para todos os ourensáns.

O auto establece dous aspectos principais: en primeiro lugar, autoriza ao Concello a recuperar a posesión do subsolo, que nunca deberíau deixar de estar baixo a titularidade pública municipal. En segundo lugar, accede á solicitude do Concello para evitar a demolición das construcións existentes, protexendo as estruturas xa levantadas e limitando os danos físicos.

A orixe desta cuestión urbanística remóntase a unha operación promovida polo entón alcalde socialista Veiga Pombo, mediante un convenio entre a congregación relixiosa das Hermanitas de los Ancianos Desamparados e unha empresa privada. Esta actuación foi cualificada como unha “chapuza ilegal” e posteriormente agravada polas decisións administrativas do exalcalde popular Manuel Cabezas e tamén do socialista Paco Rodríguez.

Desde o Concello, sinalan que se comprometen a traballar para minimizar os prexuízos aos terceiros afectados, como os propietarios dos garaxes adquiridos de boa fe. Ademais, unha vez recuperada plenamente a posesión do subsolo, estudaranse os pasos para a licitación do aparcadoiro como servizo público, buscando beneficiar a toda a cidadanía de Ourense.

⚙ Configurar cookies
0.1664559841156