O Concello de Ourense pechará o Centro de Información Municipal ás Mulleres
A portavoz do grupo municipal socialista, Natalia González Benéitez, considera unha “auténtica aberración e afrenta política o peche dun edificio municipal chave en materia de igualdade e loita contra a violencia de xénero por falta de vontade e sensibilidade política para acometer obras menores para a eliminación de gas radón”, tal e como puido coñecerse na Xunta de Área de Servizos Sociais que tivo lugar esta mañá.
O goberno local manifestou a súa intención de pechar o CIMM (Centro de Información Municipal ás Mulleres) e proceder ao traslado das súas 4 traballadoras ao 2º andar do edificio municipal da praza de San Martiño, alegando que onde se sitúa a sede actualmente ten pendente de acometer obras para a eliminación do gas radón por un importe aproximado de 200.000 euros. Mais o executivo de Gonzalo Pérez Jácome sinalou que ditas obras non se levarán adiante “co pretexto de que para eles as instalacións non son municipais”, explicou a tamén secretaria xeral do PSdeG en Ourense.
A preguntas das socialistas, respondeuse que o traslado se fará “esta mesma semana” pese a falla de idoneidade e da “garantia imprescindible de confidencialidade das novas instalacións para atender as persoas usuarias, maioritariamente mulleres vítimas de violencia de xénero ou en risco de exclusión”, subliña.
Así mesmo, quedou patente durante a Xunta de Área que non existe ningunha alternativa por parte do executivo de Jácome de reubicación para a continuidade do programa de conciliación COEDUCA.
Dende o grupo municipal do PSdeG esixen, tanto ao alcalde como á concelleira Noa Rouco, que se paralice esta decisión política, que se proceda de maneira urxente ás obras precisas para a eliminación do gas radón no edificio –das que son coñecedores dende fai moito tempo–, e que cese o desmantelamento e bailerado da Concellería de Igualdade, que non responde mais que “a súa inquina persoal e incompetencia de xestión”.
O CIMM do Concello de Ourense converteuse nos últimos anos –e especialmente durante o mandato do goberno socialista nos anos 2007-2015– nun centro referente no relativo a atención a muller, educación en prol da igualdade e promoción da mesma na nosa propia cidade e na Comunidade autónoma de Galicia.
“Froito do traballo primero co bipartito e logo co executivo socialista acadouse que a carteira de Igualdade contara cunhas novas e modernas instalacións na rúa do Ensino, que foron inauguradas no mes de marzo de 2011; e se traballou no mantemento tanto de programas asistenciais que xa existían, como na creación doutros novos para a conciliacion familiar ou de promoción e dinamización comunitaria e do tecido asociativo de mulleres; ademais da posta en marcha de ordenanzas, plans, convenios e colaboracións con distintas institucións e organismos a nivel local, autonómico e estatal”, lembrou a portavoz.
Tamén rexeitan den de o grupo municipal o xeito de desentenderse dos minutos de silencio que se realizaban diante da Casa Consistorial e que dende o mes de agosto, co novo mandato de Jácome, deixaron de convocarse sen ofrecer calquer outro tipo de manifestación que amose o rexeitamento institucional contra a violencia de xénero de forma periodica, máis aló do 25N ou o 8M.
Os nacionalistas súmanse as críticas ante o peche do CIMM
Dende o Grupo municipal do BNG o seu portavoz, Lusi Seara, sinala que "o Goberno Local quere empregar este argumento como xustificación para trasladar os servizos que presta actualmente o CIMM nestas instalación e levalos ao edificio municipal da Praza de San Martiño, edificio no que curiosamente e tal e como acontece noutros moitos, tamén hai altos índices de gas radón”.
Para a formación nacionalista a resposta dada polo Concelleiro delegado de que non se vai levar a cabo ningún investimento e que a idea é abandonar o edificio, “é un paso atrás e un novo golpe ás persoas máis vulnerábeis do concello, nomeadamente ás mulleres vítimas de violencia machista”.
Seara argumenta que “estamos diante dun servizo que debe prestarse coas máximas garantías de intimidade e confidencialidade para as vítimas, e nun entorno agradable e tranquilo, requisitos que cúmpre o actual emprazamento do CIMM na rúa do ensino”, e engade, “o que pretende o Goberno Local é o seu traslado a unha sede onde xa existen outros departamentos municipais e onde o movemento de persoas é moi elevado chegando a darse o caso de que poidan coincidir vítima e agresor”.
Desde o BNG sinalan ademais que o edificio no que actualmente se ubica o CIMM, “foi cedido por 30 anos no seu día pola Fundación Villanueva Lombardero ao Concello de Ourense para a súa rehabilitación e o seu uso logo de trece anos por non querer investir 200.000 euros ao tempo que dilapidan miles de euros en cuestións banais”.
“Se o Goberno prescinde del, voltará a mans dos seus donos, totalmente rehabilitado e o Concello perderá un espazo referencia a día de hoxe para as vítimas de violencia machista e para as políticas de igualdade desenvoltas ao longo dos anos grazas á inmensa labor desenvolta polas profesionais municipais que nel traballan cada día”.