O Concello de Ourense presenta o programa “Concilia Nadal” con actividades entre o 22 de decembro e o 7 de xaneiro

OurenseXa
As inscricións poderán realizarse a partir do próximo mércores, 26 de novembro
Progrma Concilia Nadal, Ourense
Progarma Concilia Nadal, Ourense
21 Nov 2025

O Concello de Ourense organiza unha nova edición de “Concilia Nadal”, un programa de actividades para escolares que se desenvolverá durante as vacacións de Nadal co obxectivo de facilitar a conciliación familiar.

A iniciativa, impulsada pola Concellería de Educación, levarase a cabo de luns a venres, en horario de 9.00 a 14.00 horas, desde o 22 de decembro ata o 7 de xaneiro, agás os días lectivos.

O programa ofrece diferentes propostas adaptadas ás distintas idades. Para os nenos e nenas nacidos entre 2020 e 2022, preparouse “Un Nadal de aventuras”, que terá lugar no anexo da Escola de Música situada na rúa da Canle. Por outra banda, “Aulaponia” desenvolverase na Aula da Natureza do Río Miño, en Oira, e está dirixido a escolares nados entre 2014 e 2019. Ademais, os máis maiores, con idades comprendidas entre 2012 e 2016, poderán participar en “Espazo makers”, que se celebrará no campus de Ourense.

As actividades están deseñadas para fomentar a socialización, promover valores de convivencia e solidariedade, incentivar o traballo cooperativo e o respecto polo medio ambiente. Ademais, inclúen contidos baseados en metodoloxías STEAM, como a robótica educativa e a electrónica, e ofrecen un reforzo educativo adaptado ás necesidades dos participantes.

As inscricións poderán realizarse en liña a través da páxina web oficial do Concello ou mediante a súa aplicación móbil, desde o mércores 26 de novembro ás 10:00 horas ata o 3 de decembro ás 23:59 horas. A lista provisional de admitidos publicarase o 9 de decembro, e a definitiva, o 12 do mesmo mes. A matrícula ten un custo de 10 euros, con desconto do 50 % para irmáns.

⚙ Configurar cookies
0.073770999908447