O Concello de Ourense presenta o programa de Halloween 2025

OurenseXa
A cidade vivirá unha noite de medo chea de música e actividades para todas as idades
halloween-2025-ourense
14 Oct 2025

O Concello de Ourense vén de presentar o programa completo da Noite de Medo – Halloween 2025, que terá lugar o venres 31 de outubro e incluirá unha completa oferta de actividades de animación, obradoiros, desfile e música en directo, co concerto final de Heredeiros da Crus.

A cita, xa consolidada no calendario festivo da cidade, combinará propostas para nenos e adultos, animación de rúa e espectáculos que transformarán Ourense nun escenario de diversión e terror. Entre as actividades destacan obradoiros de cabazas e maquillaxe para a cativada, túnel do terror, desfile, concerto infantil e o espectáculo “Chaioso de Medo”. A xornada rematará co concerto de Heredeiros da Crus e unha sesión especial da Gramola que prolongará a festa ata a madrugada.

A festa, sinala o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, “xa é un clásico e o mellor Halloween de toda España”. “Comezamos a potenciar esta celebración en 2019 e, tras o parón da pandemia, reforzámola ano tras ano. As edicións de 2021, 2022, 2023 e 2024 foron un éxito e este 2025 volverá selo”, explica o rexedor.

A Noite de Medo consolídase así como unha das propostas máis esperadas do outono en Ourense, combinando tradición, diversión e música en directo para toda a familia.

PROGRAMA COMPLETO DA FESTA DE HALLOWEN 2025 – NOITE DE MEDO

⚙ Configurar cookies
0.075132131576538