O Concello de Ourense recibirá máis de 4 millóns de euros do PERTE

OurenseXa
Serán para a dixitalización do ciclo da auga, que forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU
auga-billa-grifo
22 Aug 2024

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) vén de publicar a resolución provisional da segunda convocatoria do PERTE (Proxectos Estratéxicos para a Recuperación e Transformación Económica) de dixitalización do ciclo da auga, que forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU.

Dentro dos 50 beneficiarios provisionais, seleccionados entre as 248 solicitudes presentadas á convocatoria, atópanse dous proxectos que afectan a municipios ourensáns e que recibirán axudas por valor total de 9 millóns de euros.

O primeiro deles é a agrupación formada polos concellos da Cañiza, Melón, Mondariz, O Carballiño, Maside e o Balneario de Mondariz, que recibirá 4.811.115,15 euros, logo de acadar 75 puntos. Pola súa banda, o Concello de Ourense será beneficiario de 4.297.590,93 euros, ao obter 74 puntos.

Estes proxectos buscan a mellora da eficiencia dos procesos do ciclo urbano da auga a través da súa dixitalización completa, desde a captación, almacenamento e distribución, ata o saneamento e depuración, contribuíndo así a realizar un uso máis eficiente e sostible deste recurso.

0.16090703010559