O Concello de Ourense reforza a colaboración co municipio portugués de Vilanova de Cerveira

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, desprazouse esta seman á localidade portuguesa de Vilanova de Cerveira para realizar unha visita institucional, onde foi recibido polo presidente da Cámara Municipal, Rui Teixeira.
Durante o encontro, ambos responsables locais mantiveron unha reunión centrada na xestión municipal e nas oportunidades de cooperación entre ambos territorios, con especial atención ao ámbito transfronteirizo. Tamén analizaron posibles proxectos conxuntos nos eidos do turismo, a cultura e o aproveitamento do río Miño.
A visita incluíu un percorrido polo espazo recreativo situado á beira do Miño, un dos principais puntos de atracción da vila. O rexedor ourensán amosou especial interese polo chamado Parque das Augas, unha zona lúdica con xogos acuáticos e instalacións pensadas para o lecer familiar. Jácome destacou a boa integración do parque na contorna natural e sinalou que este tipo de modelo podería ser útil como referencia para futuros proxectos na cidade de Ourense.
A xornada serviu para estreitar os vínculos de boa veciñanza entre Ourense e Vilanova de Cerveira, abrindo a porta a futuras colaboracións que poidan beneficiar a ambos municipios.