O Concello de Ourense reforza a frecuencia da liña 5

Este venres entrou en funcionamento a nova frecuencia da liña número 5 do servizo municipal de autobuses urbanos de Ourense: Outariz – Reza – Ceboliño.
O Concello asigna a esta ruta tres vehículos, en lugar de dous, coa finalidade de mellorar o servizo a nivel de frecuencias e de ruta. Así, a partir de agora circula un vehículo cada 30 minutos os días laborais, e dáse un mellor servizo ás persoas usuarias das termas de Outariz, do barrio de Vistafermosa e do Couto, entre outros. No caso deste barrio, o Concello introduce unha nova parada nesta ruta, na rúa Francisco de Moure.
As fins de semana tamén se mellora o servizo, xa que a liña 5, que daba servizo cada 80 minutos, pasará a ter un servizo cada 45 minutos os sábados, domingos e festivos. Este servizo será para os veciños das zonas antes citadas e para usuarios das termas.
Ademais, tamén as fins de semana e festivos, o tren bus, liña 19, dá servizo turístico e de transporte ás termas de Outariz pola pista vermella cada hora.