O Concello de Ourense súmase ás conmemoracións polo Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller

O Concello de Ourense sumouse este luns 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, coa lectura dunha declaración institucional no salón de plenos. A concelleira de Igualdade, Noa Rouco, foi a encargada de ler o texto aprobado pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), que denuncia e condena todas as formas de violencia machista.
O manifesto lembra que en 2025 foron asasinadas en España 32 mulleres polas súas parellas, dúas delas en Galicia, e que ademais tres menores morreron en contextos de violencia de xénero, sumando xa 65 desde 2003. Así mesmo, destácase o incremento do 5 % nas denuncias en Galicia segundo o último informe do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero.
A declaración subliña que “hoxe e cada día do ano, a Federación Galega de Municipios e Provincias manifesta a súa máis rotunda condena ante todas as formas de violencia contra as mulleres. Condenamos cada acto, cada agresor, e tamén a quen nega, minimiza ou xustifica a existencia desta violencia. O negacionismo non só fere a memoria das vítimas, senón que desprotexe ás que sofren e debilita o compromiso social necesario para combatela”.
Ademais, tamén este martes, inaugúrase no edificio Xurídico Empresarial do campus de Ourense unha exposición organizada polo alumnado da Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde, coa colaboración do Concello e da Universidade de Vigo. A mostra aborda, a través dun corpo simbólico, as distintas violencias que sofren as mulleres: estruturais, psicolóxicas, sexuais e obstétricas, co obxectivo de visibilizar, denunciar e defender a resistencia dos corpos disidentes.