O Concello de Pereiro de Aguiar abre a posibilidade de ampliar a frecuencia da atención pediátrica no centro de saúde
A partir do próximo mes de febreiro, o centro de saúde do Pereiro de Aguiar comezará a ofrecer consultas de pediatría. Era unha das principais reivindicacións veciñais neste concello, que experimenta un continuo crecemento nos últimos anos, con cada vez máis familias novas empadroadas nel.
O servizo, tal e como confirma o propio Concello, estará dispoñible unha tarde por semana, pero con opción de ampliar a frecuencia segundo a demanda e o aumento de novas tarxetas sanitarias adscritas.
Unha medida insuficiente
Para o grupo municipal do BNG, a medida é insuficiente e non cubriría as demandas da veciñanza. Lembran que dende a organización recolleron sinaturas solicitando a ampliación do servizo de pediatría para que se ofreza todos os días da semana, e consideran que a decisión da Xunta de Galicia é “unha burla para a veciñanza”.
Lembran ademais que “esta reivindicación non é unha demanda puntual, senón unha petición histórica de toda a veciñanza do Pereiro de Aguiar, que a nosa Organización política leva tempo trasladando tanto ao Concello como ás autoridades sanitarias”, e engade, “na mesma campaña tamén se recolleron sinaturas para a implantación do Servizo de fisioterapia no Centro de Saúde e para o incremento do cadro de persoal médico, co fin de mellorar a atención primaria e garantir unha mellor cobertura para as persoas usuarias”.