O Concello de Pereiro de Aguiar recupera antigos lavadoiros históricos

O Concello de Pereiro de Aguiar conclui este mes de setembro os traballos de mellora nos lavadoiros de Cortiñas, A Venda e Chaodarcas de Abaixo, espazos que, lembran, tradicionalmente foron lugares de encontro veciñal e que gardan parte da memoria histórica da vila.
O proxecto contou cun investimento próximo aos 30.000 euros, asumido de forma compartida pola Xunta de Galicia e o propio Concello. As actuacións incluíron o sellado de xuntas, limpeza e reparación de carpintarías metálicas, posta a punto da cantería, conservación das cubertas tradicionais e tratamento da madeira, entre outros traballos de mantemento.
“Queremos seguir loitando contra o feísmo e poñendo en valor o noso patrimonio, para que estes espazos sigan vivos: memoria do pasado, orgullo do presente e legado para o futuro”, destacou o alcalde, Luis Menor.
Coas melloras realizadas, o Concello busca non só preservar elementos históricos senón tamén fomentar a conservación destes lugares como puntos de encontro e referencia para a veciñanza.