O Concello de Taboadela inaugurou esta fin de semana a Praza de Abeledo

Esta fin de semana o Concello de Taboadela inaugurou a renovada Praza de Abeledo, un espazo pensado para o encontro veciñal e a recuperación da memoria colectiva. A cita coincidiu coa entrega de premios do V Certame Literario, creando unha xornada cargada de contido cultural e emotividade.
O evento comezou cun sketch a cargo de Esteta, que encheu a praza de risas e bo humor, amosando o valor do talento local e da cultura feita dende o propio territorio.
Un dos momentos máis destacados da xornada foi o descubrimento da estatua de Diego Currás Rodríguez, unha homenaxe á súa figura e, a través dela, á tradición da malla. Esta escultura busca lembrar o traballo colectivo e o esforzo da vida no rural, elementos centrais da identidade de Taboadela.
Para rematar, veciños, veciñas e visitantes puideron gozar dunha merenda popular, nun ambiente festivo e de convivencia, estreando un espazo que xa se sente como parte do día a día da comunidade.
Desde o Concello destacan o compromiso por seguir recuperando e humanizando espazos públicos, fomentando a vida nas aldeas e fortalecendo os lazos veciñais.