O Concello de Xunqueira de Ambía anuncia a reapertura do prazo para alegacións contra a planta de biometano

O Concello de Xunqueira de Ambía informa de que a Consellería de Medio Rural e Cambio Climático volverá abrir próximamente o prazo para presentar alegacións ao proxecto da planta de biometano “por mor dun erro na súa tramitación”. As novas datas, explican desde o goberno municipal, serán comunicadas próximamente.
Cabe lembrar que a pasada semana presentáronse máis de 1.000 alegacións contra este proxecto promovido por Ence, que pretende instalar unha planta de produción de biometano e unha planta de produción fotovoltaica en Xunqueira de Ambía. Estas alegacións foron recollidas, en tan só tres semanas, pola veciñanza das zonas afectadas, xunto con activistas do centro social Alvariça de Allariz, veciñas dos concellos de Xunqueira de Ambía, Sandiás, Xinzo, membros dos colectivos ecoloxistas Stop Eólicos Xurés Celanova, MEL e a plataforma Auga Limpa Xa.
O proxecto, explican os denunciantes, lindera coa Zona de Protección de Aves da Lagoa de Antela, presentándose como "solución" para a xestión dos xurros, mais en realidade agravaría o problema da contaminación por nitratos das augas do Limia.
Os escritos foron presentados este pasado xoves nos distintos rexistros municipais e na propia Subdelegación do Goberno en Ourense, e amosan o rexeitamento social ao plan de Ence na zona afectada e na contorna da Limia que, lembran os denunciantes, “está a ser obxecto de ameazas constantes con proxectos extractivistas, mentres as autoridades competentes evitan enfrontar o grave problema da contaminación dos acuíferos e das masas de auga superficiais que poñen en risco a saúde da poboación”.
As alegacións foron elaboradas en base aos escritos contra o proxecto presentados pola asociación ecoloxista Petón do Lobo e polo BNG, e resumen nunha folla as principais ameazas da instalación da planta, poñendo o foco nas eivas do proceso durante a fase de tramitación pública.
Ademais das alegacións exprés, e das alegacións do Bloque Nacionalista Galego e da Asociación Petón do Lobo, o propio goberno municipal de Xunqueira de Ambía e a Sociedade Galega de Historia Natural puxeron escritos de oposición ao proxecto a disposición da veciñanza, polo que a cifra de alegacións superará amplamente o millar. Agora, o prazo volverá a abrirse nos próximos días para que as persoas interesadas poidan rexistrar de novo as súas alegacións.