O Concello de Xunqueira de Ambía recibirá un total de 731.500 euros a través do Plan CooperOU

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, visitou este xoves o municipio de Xunqueira de Ambía, para coñecer, da man do seu alcalde, José Luis Gavilanes, algúns dos proxectos levados a cabo no territorio en colaboración coa institución provincial.
Neste mandato, o Concello de Xunqueira de Ambía recibirá da Deputación de Ourense un total de 731.500 euros a través do Plan CooperOU para desenvolver proxectos estratéxicos e garantir a prestación de moitos servizos básicos. Esta cantidade súmase á que se suman os preto de 641.000 euros recibidos ata o de agora a través de axudas e ao cofinanciamento de distintas actuacións.
O presidente provincial puxo a este concello como exemplo de que grazas á colaboración entre administracións “pódense prestar servizos de calidade no rural” e adiantou que continuarase a colaborar nesta liña de traballo asentando estes servizos e afrontar novos proxectos que contribúan á xeración de emprego e riqueza, para asentar poboación no rural. Pola súa banda, Gavilanes cualificou a colaboración da Deputación como “vital” para garantir “servizos que son imprescindibles para a veciñanza”.
Trala recepción oficial na Casa Consistorial, comezaron a visita nunha das travesías que foi asfaltada a través dunha achega provincial e, de aí, trasladáronse á estrada que une Xunqueira de Ambía co Polígono de San Cibrao para ver as actuacións realizadas nun tramo da mesma.
No eido social, o presidente provincial puido coñecer a futura Residencia da Terceira Idade, que conta con 50 prazas, servizo que tamén cofinancia a Deputación. Así mesmo, visitaron a vivenda comunitaria que ten Xunqueira que, actualmente, ten as súas 12 prazas cubertas, e que se atopa no antigo Cuartel da Garda Civil.
Por último, no apartado formativo, tiveron a oportunidade de coñecer a Aula Cemit e o colexio do municipio que conta con 145 alumnos e alumnas, un centro que ten multiplicado por máis de catro o seu alumnado e continúa a medrar grazas “a unha aposta formativa persoal e específica”, destacou Luis Menor.