O Concello de Xunqueira de Espadanedo adheriuse á Rede de Entidades Locais Gandeiro-Cárnicas

No pasado mes de xuño, o Concello de Xunqueira de Espadanedo sumouse á Rede de Entidades Locais Gandeiro-Cárnicas, un proxecto que busca defender, promover e dar visibilidade á relevancia da actividade gandeiro-cárnica, e reivindicar a súa contribución ao mundo rural e ao mantemento do seu tecido económico. Esta iniciativa subliña o papel do sector como elemento clave para a fixación da poboación e a cohesión territorial.
A Rede ten como obxectivo "a defensa dos intereses das Entidades Locais nas que a actividade Gandeiro-Cárnica ten especial relevancia, co obxecto de contribuír ao seu desenvolvemento sostible desde unha perspectiva socioeconómica, urbana, cultural, sanitaria e ambiental".
Ademais, busca "defender e promover a actividade gandeiro-cárnica como sector estratéxico no mundo rural, e reivindicar o seu papel na fixación de poboación e a cohesión territorial", así como "a promoción do coñecemento, sensibilización e implantación do recurso produtivo da actividade Gandeiro-Cárnica nas súas diferentes vertentes, mediante o fortalecemento institucional e a implicación dos diferentes actores locais".
Entre outros puntos, a Rede aposta pola "potenciación de políticas e ferramentas comúns de modernización e calidade para promover o desenvolvemento económico das Entidades Locais da REDE", e polo "impulso do papel activo das entidades locais na planificación e desenvolvemento dos seus recursos gandeiro-cárnicos, favorecendo a súa integración no tecido socioeconómico local".
Esta agrupación actúa tamén "como foro de intercambio e experiencias, entre os Gobernos Locais que integran a Rede", e ofrece "servizos de asesoramento e asistencia para os seus membros, formación de técnicos e a mutua cooperación entre as autoridades das Entidades Locais que contan con recursos gandeiro-cárnicos".
Finalmente, destaca a importancia da "colaboración a nivel interrexional, nacional e internacional con autoridades, asociacións e institucións, facilitando a coordinación e cooperación entre elas", e a vontade de "contribuír co conxunto de Administracións Públicas á definición de obxectivos e implementación dunha política integral no desenvolvemento das Entidades Locais con actividade Gandeiro-Cárnica".