O Concello entrega a AFAOR a recadación solidaria da Carreira de San Martiño de 2025

O Concello de Ourense fixo entrega á Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Ourense (AFAOR) da recadación solidaria obtida na 48ª Carreira Pedestre Popular do San Martiño, celebrada o pasado 9 de novembro.
O concelleiro de Deportes, Aníbal Pereira, e a concelleira de Asuntos Sociais, Tamara Silva, entregaron á presidenta da entidade, María Dolores Neira, un talón por importe de 1.876 euros, procedentes da cota solidaria achegada polos participantes na proba. Segundo destacou Pereira, a achega permitirá á asociación “seguir contribuíndo a mellorar a calidade de vida dos pacientes e das súas familias”.
O acto, celebrado no salón de plenos, contou tamén coa presenza de representantes de CaixaBank, patrocinador principal da carreira. A entidade financeira quixo reforzar a iniciativa cunha achega adicional de 4.000 euros, o que eleva o apoio total a AFAOR por riba dos 5.800 euros.
Durante a súa intervención, Aníbal Pereira puxo en valor o “traballo marabilloso” que desenvolve a asociación e subliñou que “nun evento tan importante, probablemente o maior a nivel deportivo da cidade, é un orgullo colaborar con eles”. Así mesmo, destacou a importancia da colaboración público-privada e agradeceu a implicación de CaixaBank desde o momento en que se deu a coñecer o destino solidario da proba.
Pola súa banda, o director de área de CaixaBank en Ourense, Antonio Lema, afirmou que “é un pracer colaborar tanto de maneira indirecta, na San Martiño, como de maneira directa coa achega de 4.000 euros”, tras coñecer de primeira man o labor “imprescindible” que realiza a asociación.
A presidenta de AFAOR, María Dolores Neira, agradeceu o respaldo institucional e financeiro recibido e sinalou que “todo o que se brinde para colaborar e mellorar a asistencia das persoas que padecen Alzhéimer vén moi ben. Cada vez temos máis usuarios porque somos máis lonxevos, e tratamos de que a súa calidade de vida sexa a mellor posible”.