O Concello Ourense lanza un novo programa de Envellecemento Activo

O Concello de Ourense pon en marcha o seu programa de Envellecemento Activo 2025/2026, que ofrecerá unha trintena de actividades destinadas ás persoas maiores de 60 anos empadroadas na cidade. O prazo de inscrición abrirase o luns 10 de novembro ás 9:00 horas, segundo informou a Concellería de Asuntos Sociais.
O programa busca promover o benestar físico, mental e social das persoas maiores a través dunha ampla oferta de actividades saudables e de lecer. Entre as propostas figuran ioga, pilates, taichi, ximnasia, natación, aquagym ou mentalgym, así como teatro, bailes de verbena, manualidades, canto coral e iniciación ao inglés.
Tamén se ofrecerán talleres de memoria, estimulación cognitiva, cociña saudable, animación á lectura e á escritura, psicomotricidade, autocoidado e uso do móbil e ferramentas dixitais, entre outras opcións. En total, serán 34 actividades, cuxa listaxe completa poderá consultarse na páxina web do Concello de Ourense.
As persoas interesadas poderán inscribirse de forma telemática, a través da web ou da aplicación municipal, cubrindo o formulario dispoñible desde o día 10 e ata o 16 de novembro.
Con este programa, o Concello busca fomentar un envellecemento activo e participativo, favorecendo que as persoas maiores manteñan unha vida saudable e unha presenza activa na comunidade.