O Concello pecha a cafetería do Xardín Xaponés e volverá a licitar a súa xestión

O Concello de Ourense executou esta mañá o peche da cafetería do Xardín Xaponés, popularmente coñecida como La Pajarera, de titularidade municipal, e licitará de novo a súa xestión, “á maior brevidade posible”. A día de hoxe, explican, o Concello ten percibido a maior parte do canon adebedado pola empresa xestora do recinto e as cantidades restantes lle serán reclamadas pola vía executiva.
O goberno municipal adxudicou no seu momento este contrato a través dunha licitación pública, tras acometer unha reforma para mellorar as instalacións. Esta licitación, din, permitiu axustar a prezo de mercado o canon que aboa a empresa xestora e incrementar así o retorno económico desta instalación para as arcas municipais, que até entón apenas percibían unha cantidade simbólica da anterior xestora.
“Por causas alleas ao Concello”, sinalan, “e debido a problemas da empresa concesionaria, esta deixou de aboar o canon de xeito regular e tentou subrogar o contrato”. Por iso, din, “ao non prosperar esta vía e ante as irregularidades no pagamento do canon, o Concello comezou a tramitar o expediente que agora leva ao peche da instalación”.