O Concello presenta a programación das Festas de Ourense

O Concello de Ourense deu a coñecer o programa completo das Festas de Ourense 2025, que se celebrarán entre o 18 e o 22 de xuño. Durante eses cinco días, a cidade encherase de vida cunha oferta variada que combina concertos, actividades infantís, gastronomía, espectáculos visuais e propostas culturais pensadas para todos os públicos.
Un dos principais puntos neurálxicos será a zona do Pavillón dos Remedios, na rúa Pardo de Cela, onde se concentrará boa parte das actuacións musicais. Alí celebrarase o pregón de apertura, a cargo do actor Luis Zahera, e poderase gozar dun espectacular espectáculo de drons visible desde a Ponte Vella. Neste espazo tamén terán lugar os concertos de artistas destacados como Nil Moliner e Justin Quiles, así como verbenas e sesións de DJ con algúns dos nomes máis coñecidos da escena local. A música en directo continuará coa participación de orquestras como Olympus, Cañón ou o grupo Assia, que ofrecerá unha verbena centrada nos grandes éxitos dos anos oitenta na praza de Concepción Arenal.
Paralelamente, o resto da cidade acollerá múltiples actividades. O parque do Barbaña será o escenario da Festa das Cores, pensada para público infantil e adulto, mentres que no parque xunto á Ponte Vella instalarase unha gran xincana inchable infantil, que funcionará durante toda a semana. Nesa mesma zona terá lugar o mercado medieval, unha das citas máis populares, con ambientación e postos durante o día e boa parte da noite.
A literatura tamén estará presente coa Feira do Libro, que se celebrará no parque de San Lázaro e reunirá librarías e editoriais con actividades paralelas. No ámbito deportivo, o programa inclúe o Trofeo de Futbolín de Ourense, que se disputará no pavillón anexo ao dos Remedios, ademais do campionato de breaking “Fresh Designs Breaking Battle”, que volverá a reunir bailaríns de toda Galicia na zona do pavillón.
Durante as Festas tamén se levará a cabo o Concurso de Pinchos de Ourense, que comezará o venres anterior ás festas e prolongarase ata o sábado 21, premiando as mellores propostas gastronómicas dos establecementos participantes. Como broche final ás celebracións, o domingo pola noite a cidade poderá gozar dun espectáculo de fogos artificiais, que se poderá contemplar desde distintos puntos, como a Ponte Vella, a rúa Ribeiriño, A Chavasqueira ou a rúa Francisco Llorens.