O Concello propoñerá no Pleno flexibilizar a ordenanza municipal de tráfico

OurenseXa
O goberno local levará ao pleno unha proposta para ampliar en media hora a carga e descarga e habilitar espazos limítrofes ás zonas peonís para axudar nas entregas
Concello de Ourense
Concello de Ourense
12 Dec 2024

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome recibiu esta mañá no Concello a representantes da Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia, Apetamcor, e do Clúster da función loxística de Galicia. Acompañados pola Confederación Empresarial de Ourense, trasladáronlle ao goberno municipal as demandas do seu sector con propostas para facilitar o desenvolvemento da súa actividade na cidade, centradas en 2 puntos: os horarios de carga e descarga e o acceso a zonas peonís.

O alcalde, atendendo a solicitude dos profesionais, trasladoulles a disposición do goberno municipal a propoñerlle ao Pleno adoptar medidas que permitan “compatibilizar o dereito das persoas ao uso das rúas da cidade co traballo que realizan os profesionais do sector, dun xeito ordenado”.

Así, avanzoulles a vontade do goberno municipal de “estirar un pouquiño” o horario autorizado para realizar traballos de carga e descarga, ampliando en media hora o actualmente vixente (e recollido no ordenanza municipal), que vai de 7.30 a 11.30, para que pase a ser de 7.30 a 12.00 horas. Porén, advertiu que o Concello velará para que este novo horario se cumpra. Entende o goberno municipal que o horario actual “é máis restrinxido pero non se está cumprindo”, polo que estima conveniente “ser claros, dar media hora máis de seguridade para que os profesionais poidan facer o seu traballo, pero garantir que se cumpra”.

Na xuntanza tamén se abordou o auxe que está a rexistrar a actividade de reparto de comida e mercadorías a domicilio, fóra da franxa horaria de carga e descarga. Neste senso, o goberno local expresou a súa disposición a establecer unhas zonas próximas ás áreas peonís da cidade do centro histórico, ás que poderá acceder o persoal de reparto nos seus vehículos para, desde elas, realizar o derradeiro tramo a pé ou cun carriño. Neste senso, estudarase a posibilidade de habilitar estes tipo de espazos limítrofes nos 4 puntos cardinais do centro histórico, para o que se estudan como opcións rúas como Pena Trevinca, Cardeal Quiroga, Concordia, a Alameda ou o Xardín do Posío.

Estas medidas serán incluídas nunha nova ordenanza de tráfico que o goberno municipal presentará para a aprobación do Pleno do Concello, para a que confía en contar co apoio de todos os grupos políticos, ao estaren “consensuadas co sector”.

Asistiron á xuntanza Míriam Otero, xerente, e Natalia Blanco, directora, de Apetamcor; Iago Domínguez, xerente do Clúster da Función Loxística de Galicia e Jaime Pereira, secretario xeral, e Victoria Rois, técnica de asociacións da Confederación Empresarial de Ourense.
Desde Apetamcor valoraron moi positivamente esta xuntanza, xa que “todos debemos ir da man. O transporte e as empresas cargadoras que subministran as mercadorías prestamos un servizo esencial á sociedade e ao Concello de Ourense, que é onde estamos, e cremos que o diálogo permanente vai axudar a que as cousas melloren para todos: tanto para a cidadanía que tanto quere coidar o alcalde como para nós, que somos os subministradores deses servizos, que son fundamentais para esa cidadanía”, manifestou Míriam Otero.

Pola súa banda, Iago Domínguez, xerente do Clúster da función loxística de Galicia, engadía que “en Ourense, como nas demais cidades galegas, estamos traballando para conciliar o interese do peón e da calidade de vida do veciño co necesario reparto de mercadorías dentro da zona urbana. É o equilibro que estamos buscando, para o que agradecemos o diálogo co Concello e para o que queremos seguir traballando nesta liña dunha maneira estable”.

⚙ Configurar cookies
0.038363933563232