O Concurso de Pinchos de Ourense comeza este venres con 45 establecementos participantes

OurenseXa
Ofreceranse un total de 51 propostas diferentes, nas modalidades de pincho clásico e pincho de innovación, ata o 21 de xuño
concurso-de-pinchos-de-ourense
Presentación do Concurso de Pinchos de Ourense de 2025
13 Jun 2025

O Concello de Ourense organiza o Concurso de Pinchos, que se desenvolverá desde este venres 13 de xuño ata o sábado 21 de xuño. Un total de 45 establecementos de hostalería da cidade porán ao dispor do público 51 propostas diferentes, nas modalidades de pincho clásico e pincho de innovación. O concurso outorgará premios de ata 1.500 euros aos locais participantes e repartirá 90 agasallos entre o público.

Esta mañá presentouse o certame no salón de plenos, nun acto que contou coa presenza do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome; a concelleira de Turismo, Noa Rouco; e representantes das empresas e entidades patrocinadoras: Concha Iglesias, presidenta do Consello Regulador do Ribeiro; Javier Fernández, responsable de Canal Horeca do Grupo Coren; José Luis Rodríguez, delegado en Ourense de Estrella Galicia; Marta Pérez Canal, responsable de Recursos Humanos de Aceites Abril; e Nuria Colmenero, responsable do departamento de restauración e seguridade alimentaria da Asociación de Celíacos de Galicia, entidade colaboradora.

O concurso incorpora varias novidades nesta edición. A primeira, as datas: celébrase desde este venres 13 ata o sábado 21, aproveitando a semana das Festas de Ourense, que terán lugar do 18 ao 22 de xuño. A entrega de premios realizarase a noite do último día das festas, o 22 de xuño, ás 22:00 horas, xusto antes da última actuación musical da orquestra Cañón e o castelo de fogos artificiais.

Outra novidade importante é a dotación económica dos premios para os locais de hostalería, e a incorporación dunha nova categoría: Pincho Clásico, destinada a recoñecer e promocionar as mellores delicatessen que se ofrecen de forma permanente na cidade. Entregarase tres premios de 1.500, 1.000 e 500 euros.

A segunda categoría será a de Pincho Innovación 2025, que premiará creacións inéditas e orixinais, tamén con tres premios de 1.500, 1.000 e 500 euros. Os gañadores de ambas categorías (Clásico e Innovación) decidiranse mediante unha combinación de voto popular e xurado profesional.

Ademais, entre todos os pinchos inscritos no concurso outorgarase un premio de 400 euros ao mellor Pincho Celíaco, é dicir, aquel que non conteña glute na súa elaboración. Os prezos dos pinchos deberán situarse entre 2,50 e 4 euros.

⚙ Configurar cookies
0.12879800796509