O Congreso Internacional de Xeriatría puxo o foco no envellecemento e na atención especializada

O Congreso Internacional “Envellecemento, Benestar e Atención Especializada” celebrouse os días 30 e 31 de maio de 2025 en Ourense, reunindo a profesionais da xerontoloxía e da xeriatría que reflexionaron sobre os retos actuais do sector e puxeron en valor as súas experiencias de intervención.
Durante o evento, presentáronse casos prácticos e modelos de actuación que abranguen desde o ámbito local ata o internacional. Un dos exemplos máis salientables foi o proxecto LongSocial, cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027. Esta iniciativa foi recoñecida polo seu labor na superación das barreiras administrativas, na transferencia de coñecemento especializado e na mellora dos servizos destinados ás persoas maiores en zonas rurais da raia.
O proxecto conta coa participación activa da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia (Afaga Alzheimer), a Sociedade Galega de Xerontoloxía e Xeriatría (SGXX), a Santa Casa da Misericórdia de Melgaço e o Centro Interparoquial e Social do Alto Mouro (CISAM), entidades que traballan de xeito coordinado para garantir a sustentabilidade do sector e ofrecer respostas eficaces ás necesidades das poboacións envellecidas dos territorios limítrofes.