O Consello de Patrimonio Histórico aproba por unanimidade a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial
O Consello do Patrimonio Histórico Español decidiu hoxe aprobar por unanimidade que a candidatura da Ribeira Sacra sexa a proposta de España para inscribirse na Lista de Patrimonio Mundial. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades en funcións, Román Rodríguez, tras a xuntanza celebrada na illa da Palma na que estivo acompañado pola directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez, e os técnicos do equipo redactor.
Así, tras o aprazamento estratéxico da candidatura decidido no ano 2021, o órgano de coordinación entre o Estado e as comunidades autónomas valorou positivamente a proposta da Xunta de Galicia para acadar o máximo recoñecemento da Unesco para esta zona das provincias de Lugo e Ourense á que se referiu como “un exemplo de resistencia e calidade que serve de inspiración para todo o Estado”. Trátase dunha decisión, que tal e como explicou o responsable autonómico de Cultura, supón retomar oficialmente a recta final do proceso da candidatura, coa previsión de que poida ser abordada na sesión do Comité do Patrimonio Mundial de 2026.
“En Galicia nunca deixamos de crer nas posibilidades da Ribeira Sacra e esta é, sen dúbida, unha moi boa nova para todos porque poñer en valor e protexer este territorio é algo que asumimos como un gran reto de país”, afirmou o responsable autonómico de Cultura. Neste senso, agradeceu o apoio unánime do Estado e as comunidades autónomas e lembrou que o aprazamento estratéxico aproveitouse para “reformular, fortalecer, mellorar e ampliar a candidatura co fin de acreditar con toda a forza os valores excepcionais cos que conta este territorio”.
Por outra banda, o conselleiro en funcións aproveitou a ocasión para felicitar a todos os técnicos, axentes, concellos, deputacións e entidades implicadas “polo tremendo esforzo feito desde o ano 2017, cando se puxo en marcha a candidatura” e, nomeadamente, desde o aprazamento de 2021. “Foi un gran traballo que asumimos como un proxecto colectivo e que agora, debemos continuar para seguir colleitando froitos”, precisou.
Vindeiros pasos
Tras este primeiro paso, a candidatura da Ribeira Sacra pasará a ser a proposta de España para a súa remisión a Unesco e a posterior avaliación no Comité do Patrimonio Mundial coa vista no 2026.
Ao longo deste ano, o equipo técnico redactor, en colaboración co Ministerio de Cultura, deberán completar o expediente desde o punto de vista formal co fin de cumprir coas directrices operativas da Unesco. Posteriormente, o informe será presentado no Centro de Patrimonio Mundial da Unesco, localizado en París, en febreiro de 2025 para a súa avaliación polos órganos consultivos.