O Consello Provincial abre un proceso de participación cidadá para a próxima reunión da Xunta Provincial de Bombeiros

O Consello Provincial de Ourense convida á cidadanía a presentar propostas para a próxima reunión da Xunta Provincial de Bombeiros, prevista para o mes de novembro. A iniciativa busca fomentar a participación activa de veciños, colectivos e profesionais vinculados á prevención e extinción de incendios.
O presidente provincial, Luis Menor, xunto cos portavoces dos grupos políticos representados na Deputación, acordaron habilitar o correo electrónico mesa.provincial.incendios@depourense.gal
para recibir as propostas.
O prazo de envío abrirase o luns 13 de outubro e permanecerá activo ata o venres 31 do mesmo mes. As propostas, cunha extensión máxima de dous folios, poderán ser presentadas por particulares, asociacións, colexios profesionais ou outras entidades interesadas en mellorar a coordinación e a eficacia dos servizos de prevención e extinción de incendios.
Unha vez rematado o prazo, abrirase un proceso de participación activa para que as persoas ou entidades que presenten iniciativas poidan integrarse nos traballos da Xunta Provincial de Bombeiros.
O obxectivo é analizar, debater e, se procede, aprobar as propostas que se consideren de interese, incorporándoas ás conclusións que este órgano de traballo remitirá posteriormente ás administracións competentes.
A Xunta Provincial de Bombeiros, constituída o pasado 10 de setembro tras o acordo plenario do 27 de agosto, continúa así avanzando na súa labor de coordinación e mellora do sistema provincial de emerxencias, promovendo un modelo aberto á colaboración cidadá e ao intercambio de ideas.