O Consorcio Provincial de Bombeiros de Ourense irá a unha folga indefinida a partir do 11 de abril

OurenseXa
Denuncian incumprimentos nos acordos firmados en 2024 coa Deputación
bombeiros-dep-ourense
7 Apr 2026

O Consorcio Provincial de Bombeiros de Ourense convoca unha folga indefinida a partir do 11 de abril para esixir á Deputación de Ourense melloras nas condicións laborais, especialmente en canto aos horarios, e un aumento do persoal. Denuncian que a institución provincial incumpriu o convenio firmando 2024, maila que dende a Deputación negan esta situación.

A folga comezará coa non realización de horas extras por parte dos bombeiros do Consorcio, que advirten de que as accións poderían intensificarse se non se chega a acordos.

Ante esta situación, o deputado do BNG no Parlamento galego, Iago Tabarés, vén de rexistrar unha iniciativa na Cámara galega que ten por obxectivo que a Xunta de Galiza e a Deputación, como integrantes do Consorcio, asuman as súas responsabilidades, incrementen o cadro de persoal e melloren as condicións laborais e profesionais dos traballadores, “para poder atender un servizo esencial para a seguridade de toda a cidadanía e que non volva acontecer o que vivimos o pasado verán”.

A iniciativa do BNG no Parlamento pon o foco no incumprimento dos acordos acadados hai máis de dous anos para mellorar as condicións laborais e reforzar o cadro de persoal, así como na paralización total da negociación co comité de empresa. Os nacionalistas reclaman ao Goberno galego que aclare o seu coñecemento da convocatoria de folga, a súa valoración como parte integrante do Consorcio e as medidas concretas que vai adoptar para resolver o conflito.

Ante a convocatoria de folga, Tabarés considera que a responsabilidade recae directamente nas administracións que integran o Consorcio e reclama unha resposta inmediata. “O persoal inicia esta folga en reclamación de medios, de efectivos e do cumprimento do acordado en 2023. Por iso esiximos á Xunta e á Deputación que asuman as súas responsabilidades, que incrementen o cadro de persoal e que melloren as condicións laborais e profesionais”.

A organización frontista advirte de que a situación actual está marcada pola falta de efectivos, con gardas por baixo dos mínimos establecidos de tres bombeiros por quenda en parques como Xinzo de Limia e O Carballiño, así como polo atraso na oferta pública de emprego comprometida para incorporar 17 novos profesionais, que segue sen executarse. A isto súmanse incumprimentos en materia retributiva, deficiencias na formación e a ausencia de diálogo coa representación dos traballadores.

Tabarés denuncia que as administracións responsables non extraeron conclusións da situación vivida o pasado verán en materia de incendios, asegurando que “a Xunta e a Deputación non aprenderon nada do vivido o pasado verán en Ourense, con máis de 170.000 hectáreas calcinadas en 600 incendios, unha proporción de superficie queimada sen precedentes, con vivendas, explotacións e aldeas arrasadas que evidenciaron o desbordamento do dispositivo”.

O deputado do BNG sinala que “non se avanzou na comarcalización do parque de bombeiros, os GES seguen sen efectivos nin medios suficientes e continúan sen poder atender emerxencias en horario nocturno”. Por iso, a travéa desta iniciativa parlamentaria, o Bloque demanda á Xunta que desbloquee de inmediato o conflito laboral, cumpra cos compromisos adquiridos e garanta tanto a seguridade dos profesionais como a da veciñanza.

0.12960004806519