O CPI Antonio Faílde estrea unhas instalacións totalmente renovadas

O Centro Público Integrado Antonio Faílde, no concello ourensán de Coles, completou recentemente un conxunto de obras de renovación e mellora que supuxeron un investimento de máis de 241.000 euros por parte da Xunta de Galicia. As actuacións enmárcanse no Plan de nova arquitectura pedagóxica e teñen como obxectivo principal incrementar a funcionalidade e a accesibilidade do centro.
As intervencións abrangueron un total de 1.259 m² nos patios e espazos exteriores, así como no edificio de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) máis recente e nos vestiarios. No exterior, habilitáronse ramplas de acceso para eliminar barreiras arquitectónicas tanto no patio como na pista polideportiva, substituíuse o pavimento deteriorado e instalouse unha nova cubrición con estrutura metálica no patio. Ademais, a pista conta agora cunha malla de peche renovada.
No edificio da ESO creouse un novo espazo para xogos cuberto pero aberto ao exterior, e reformouse o almacén para destinalo á gardar libros. Nos vestiarios realizouse unha reforma integral para o alumnado e profesorado, ademais dunha redistribución dos espazos no persoal de cociña. Entre outras melloras, tamén se reparou a malla exterior do centro, se adecuou un aseo na zona de cociñas e se renovaron as escaleiras que conectan os dous edificios da ESO.
Segundo indicou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, esta actuación forma parte do compromiso da Xunta coa modernización das instalacións educativas en Ourense, cun investimento superior a 58,2 millóns de euros en 689 actuacións.