O delegado da Xunta presenta a nova edición do Bono Activa Comercio en Ourense

OurenseXa
Manuel Pardo destaca a contribución do programa ao impulso dos establecementos de proximidade
manuel-pardo-bono-activa-comercio
6 Nov 2025

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, presentou esta mañá en Ourense a nova edición do Bono Activa Comercio, unha iniciativa coa que a Xunta destina 2,5 millóns de euros e coa que se prevé mobilizar arredor de 8,5 millóns en vendas nos establecementos de proximidade de Galicia.

Durante a presentación, Pardo destacou que se trata dunha medida “que amosa o noso compromiso co comercio polo miúdo, actividade vital na xeración de riqueza e emprego, na fixación de poboación e na vertebración das nosas vilas e cidades”. Engadiu ademais que “con esta iniciativa de dinamización permitirá incrementar as vendas do comercio, ao tempo que os bonos de desconto outorgarán unha maior capacidade de compra aos consumidores”.

O delegado informou de que, desde a activación dos bonos o día anterior, xa se adheriron máis dun milleiro de establecementos na provincia de Ourense, e se levan máis de 213.000 euros en descontos, o que supón un volume de vendas próximo ao millón de euros.

As persoas interesadas poden descargar un bono desconto de 30 euros que se poderá empregar directamente na compra de produtos e servizos nos comercios adheridos. Cada persoa poderá descargar un único bono, e poderán seguir usándose ata que o total de descontos realizados acade os 2,5 millóns de euros previstos.

Como novidade, os establecementos non terán que rexistrarse de novo para participar, xa que se mantén a adhesión da primeira edición. Aínda así, os comercios que desexen sumarse poderán facelo ata o 15 de decembro ou ata o esgotamento do crédito dispoñible nesta convocatoria.

Tras a visita ao establecemento, Pardo subliñou que “para a Xunta o comercio de proximidade é absolutamente prioritario dada a súa repercusión no crecemento económico e social da provincia de Ourense e de Galicia” e asegurou que o Goberno autonómico “pretende poñer á disposición do noso comercio local todas as ferramentas necesarias para afrontar os retos de futuro, así como medidas para garantir a remuda xeracional”.

⚙ Configurar cookies
0.073168992996216