O Eixo Atlántico presenta en Lugo un plan con 112 medidas para avanzar na descarbonización das cidades

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
O aforro enerxético e unha xestión eficiente dos recursos centran a folla de ruta, con propostas adaptadas a cada tipo de municipio
presentacion-plan-descarbonizacion
10 Jun 2025

A Deputación de Lugo acolleu este martes a presentación do Plan de Descarbonización do Eixo Atlántico, unha iniciativa que recolle 112 medidas dirixidas a reducir a contaminación nos municipios que forman parte desta entidade transfronteiriza.

O acto contou coa participación do presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, acompañados por Francesc Cárdenas, experto en sustentabilidade e autor do informe.

A elección da Deputación de Lugo como sede da presentación responde, segundo destacou Vázquez Mao, a que é “unha das institucións máis activas no impulso da sustentabilidade local, a través de programas innovadores como a biodepuradora de humidais artificiais en Xermade, en funcionamento dende 2021, que permite tratar augas residuais de forma ecolóxica en contornas rurais”.

Pola súa banda, Francesc Cárdenas explicou que o documento é un compendio de accións adaptadas á realidade de cada concello segundo o seu tamaño e características, co obxectivo de mitigar e adaptarse ao cambio climático. A folla de ruta ofrece medidas concretas para que os 40 membros do Eixo Atlántico poidan avanzar cara a cidades máis sostibles e eficientes.

O plan propón unha transformación do modelo urbano apostando por unha xestión intelixente dos recursos, a enerxía, a auga e os residuos. A estratexia pivota arredor de dous conceptos clave: o metabolismo urbano, que analiza como as cidades consumen e xestionan os seus recursos, e a biodiversidade urbana, esencial para mellorar a resiliencia fronte ao cambio climático e a calidade de vida da cidadanía.

Entre as 112 medidas propostas destacan actuacións como a redución do desperdicio alimentario, o impulso da economía circular, a promoción da agricultura urbana, a recuperación de espazos verdes ou o fortalecemento da educación ambiental. Con todo, o eixo central é a diminución do consumo enerxético, orientado a un modelo de desenvolvemento máis sostible.

Este traballo é froito dun proceso desenvolvido entre 2022 e 2024, no que as cidades do Eixo achegaron máis de 500 boas prácticas e experiencias, agora recompiladas nun repositorio que permite poñer a disposición dos municipios toda a información xerada, dun xeito práctico e accesible.

Durante a presentación, Vázquez Mao incidiu en que o plan pon en valor dous eixes innovadores, o metabolismo urbano e a biodiversidade, que buscan mellorar tanto a calidade do aire como contribuír a frear o aumento da temperatura global. Neste sentido, advertiu da situación de “emergencia climática”, lembrando que en 2024 xa se superou o limiar do +1,5ºC, e que sen medidas urxentes, a temperatura podería aumentar entre 2 e 3 graos antes de que remate o século.

Sobre a calidade do aire, avanzou que a normativa europea prevé rebaixar os límites actuais, “aínda que dende o Eixo Atlántico apostamos por ir máis alá e reducilos á metade”.

Pola súa banda, o presidente José Tomé Roca destacou que “a loita contra o cambio climático e a transición cara a un modelo de desenvolvemento máis sostible, xusto e eficiente é un dos maiores retos do noso tempo”. Subliñou tamén que este plan “non é só unha proposta técnica, senón unha folla de ruta completa e ambiciosa” e puxo en valor “a importancia de traballos coma este, que non só ofrecen medidas concretas, senón que tamén facilitan o intercambio de experiencias e o avance conxunto”.

Como exemplo concreto, Cárdenas salientou a incorporación de cinco vehículos eléctricos á flota da Deputación de Lugo, unha medida que permite aforrar arredor de 22.000 euros ao ano en custos e reducir significativamente as emisións, sendo unha experiencia útil para outras entidades interesadas en aplicar políticas semellantes.

⚙ Configurar cookies
0.1815710067749