O encoro de Cachamuíña consolídase como refuxio climático

A Xunta de Galicia destaca o papel das zonas húmidas existentes na Comunidade para preservar a biodiversidade e o medio ambiente, apostando por potenciar o seu valor como refuxio climático natural á disposición da veciñanza e dos visitantes.
Así o destacou este sábado a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante unha visita ao encoro de Cachamuíña, no concello ourensán do Pereiro de Aguiar, coincidindo co Día Mundial dos Humidais.
Tras salientar que en 2025 o lema co que se conmemora esta efeméride a nivel internacional é Protexer os humidais para o noso futuro común, a responsable autonómica incidiu na necesidade de traballar para crear entre todos, administracións públicas, entidades e sociedade en xeral, unha conciencia colectiva sobre a transcendencia deste tipo de espazos naturais para conservar a biodiversidade, o medio ambiente e o planeta.
Na mesma liña, explicou que lugares como o que visitou hoxe constitúen o hábitat natural para moitas especies que dependen deste medio para sobrevivir, como por exemplo os anfibios, especies especialmente sensibles ao cambio climático, ou as aves acuáticas, que desenvolven neste tipo de espazos o seu ciclo vital.
Galicia conta actualmente con 646 zonas húmidas, que suman un total de 45.141 hectáreas. Entre elas destacan especialmente os seis espazos incluídos na lista Ramsar, un rexistro internacional que integra as zonas húmidas máis importantes do mundo polo seu interese ecolóxico e para a conservación da biodiversidade.
Son, concretamente, a ría de Ribadeo; as rías de Ortigueira e Ladrido; a lagoa e o areal de Valdoviño; o complexo de Corrubedo; o complexo intermareal Umia-O Grove; e o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, seis espazos que converten a Galicia na cuarta comunidade española con máis humidais incluídos neste listado.
Por último, a conselleira incidiu no papel esencial que xogan estes ecosistemas para o mantemento da vida en xeral, subliñando a importancia de preservar os recursos hídricos e evitar o seu deterioro por ameazas como pode ser o cambio climático. Por este motivo, existe a convicción a nivel internacional de que a restauración das zonas húmidas terrestres debe ser unha prioridade para garantir un futuro sostible.
Solta de aves en Nogueira de Ramuín
Posteriormente, Ángeles Vázquez desprazouse ata o concello limítrofe de Nogueira de Ramuín para participar nunha solta de catro aves rapaces –dous curuxos, un gabián e un falcón peregrino– e unha donicela que pasaran unha tempada no Centro de Recuperación da Fauna Silvestre do Rodicio. Neste acto, a conselleira estivo acompañada por un grupo de mozos e mozas da zona que tamén colaboraron no regreso destes animais ao seu medio natural.