O Entroido de Frei Canedo convoca o seu Concurso de Comparsas que repartirá 900 euros en premios

OurenseXa
Como novidade, este ano haberá premios específicos para comparsas infantís, nas que se inclúen ANPAS, colexios e escolas
dia-do-neno-entroido-de-frei-canedo
20 Jan 2026

A Asociación Frei Canedo da Ponte convoca un ano máis o seu concurso de comparsas, que se celebrará como é habitual coincidindo coa solemne procesión que percorrerá as rúas do barrio. A cita terá lugar o luns 16 de febreiro a partir das 20.00 horas e contará nesta edición con algunhas novidades, especialmente pensadas para fomentar a participación infantil.

Entre os cambios deste ano destaca a creación de premios específicos para comparsas infantís, nas que se inclúen ANPAS, colexios e escolas, co obxectivo de repartir máis galardóns e recoñecer o traballo dun maior número de participantes. Para poder optar aos premios, as comparsas deberán participar no desfile do luns e formalizar previamente a súa inscrición a través do correo electrónico asociacionculturalfreicanedo@gmail.com, indicando o nome da comparsa, o número aproximado de integrantes e un teléfono de contacto. O prazo para anotarse remata o mércores 11 de febreiro ás 22.00 horas.

No concurso infantil participarán aquelas comparsas formadas maioritariamente por crianzas ou adolescentes menores de idade, aínda que poderán estar acompañadas por persoas adultas. Pola súa banda, no concurso de comparsas adultas competirán aquelas nas que a maioría dos integrantes sexan maiores de idade, sen que exista impedimento para a presenza de nenos e nenas acompañando aos adultos. A organización comunicará o 12 de febreiro, a través do correo facilitado na inscrición, o percorrido definitivo do desfile así como a orde de saída e a localización de cada comparsa.

En canto aos premios, o certame de comparsas adultas contará cun primeiro premio dotado con 300 euros, un segundo de 200 euros e un terceiro de 100 euros. No caso das comparsas infantís, establécense dous premios, de 200 e 100 euros respectivamente. Con esta convocatoria, a Asociación Frei Canedo da Ponte busca manter viva unha tradición moi arraigada no barrio e promover unha participación ampla e interxeracional no Entroido.

⚙ Configurar cookies
0.08220911026001