Ourense presenta o programa do Entroido de 2025

A cidade de Ourense celebrará do 27 de febreiro ao 5 de marzo unha das principais citas do seu ciclo festivo, o Entroido, consolidado como “as festas por excelencia da cidade” e o “mellor carnaval da metade Norte de España”, segundo asegurou esta mañá o alcalde Gonzalo Pérez Jácome, quen presentou a programación de actividades nun acto, na Sala Valente, xunto á concelleira de Artes e Festexos, Noa Rouco, e representantes dos entroidos da Pita, As Eiroás, Frei Canedo, A Ponte, e Paquita e Nicanor, Seixalbo.
Gonzalo Jácome animou o público a participar na festa que, sinalou, “cada ano vai a máis” e fai que Ourense “compita sen lugar a dúbidas cos carnavais de Canarias ou Cádiz”. Serán 6 días de festa con animación de rúa cunha “despregue de charangas nunca vista nun entroido”, e actuacións de grupos musicais, orquestras e varios DJ “top”, como Alex Martini (que actuará no Xoves de Comadres) actividades infantís, desfile escolar (o venres, 27), o multitudinario desfile de comparsas (que sairá o domingo, 2 de marzo ás 16.30 horas das Lagoas para avanzar por Curros Enríquez, Xoán XXIII e Progreso), reparto de orellas (12.000 unidades) e bica (o martes, 4) ou o tradicional Enterro da Sardiña, o mércores, 5 de febreiro, ás 20.00 horas, que avanzará desde a Praza Maior até o Parque de San Lázaro.
A programación de actividades organizadas polo Concello complétase coa exposición fotográfica de Personaxes do Entroido galego e portugués, con 146 instantáneas de Carlos Padín, que acollerá a Sala Valente desde o mércores, 12 de febreiro até o día 16 de marzo.
O alcalde estivo acompañado por representantes dos Entroidos da Pita, As Eiroás, Frei Canedo, A Ponte, e Paquita e Nicanor, Seixalbo, que avanzaron as súas respectivas actividades para este Entroido, nas que contan coa colaboración do Concello. O alcalde destacou o traballo que realizan os colectivos organizadores destas festas, ás que o Concello vén dando “un novo impulso” durante os últimos anos e achega gran parte do seu financiamento.