O 'Frei Canedo de Verán' fai público o seu programa de actividades

OurenseXa
O día grande será o 14 de xuño no Campo da Feira
entroid-verano-frei-canedo-definitivo
29 May 2025

A Asociación Frei Canedo da Ponte organiza o vindeiro 14 de xuño a segunda edición do seu Entroido de Verán, unha celebración pensada para todos os públicos que encherá de cor, música e diversión o Campo da Feira e as rúas do barrio.

A festa dará comezo o venres ás 20:00 horas cun pasarrúas encabezado polo carismático Frei Canedo da Ponte, acompañado pola música tradicional do grupo Cantares da Cunha, que percorrerá distintas rúas da zona animando o ambiente.

O sábado será o día grande, cunha programación continua desde a mañá ata a noite. A xornada comezará ás 11:00 horas cun novo pasarrúas e ás 12:00 terá lugar a sesión vermú amenizada por Verbena Disco, mentres as crianzas poderán gozar de inchables e xogos gratuítos ata as 19:00 horas.

O xantar popular, previsto para as 14:30 horas, será outro dos momentos destacados, xunto coa festa da escuma, que se celebrará ás 17:30 horas. Xa pola tarde-noite, o público poderá participar no concurso de disfraces, tanto na modalidade individual como grupal (20:00 horas), seguido dun baile de disfraces e festa con DJ a partir das 21:00 horas.

Para completar a oferta lúdica, haberá bar, sesión vermú con pulpeiro e a presenza de food trucks durante a tarde, convertendo o Campo da Feira nun auténtico punto de encontro festivo.

⚙ Configurar cookies
0.13968420028687