O EphysLab participa nun estudo internacional sobre as causas da seca en Australia

OurenseXa
O estudo foi realizado por 22 investigadoras e investigadores de varias institucións de renome global, entre elas o EphysLab, pertencente á Facultade de Ciencias do campus de Ourense
milica_ephysLab_uvigo
Milica Stojanovic, investigadora do grupo EphysLab
15 Mar 2024

A revista Science Advances recolle no seu último número un estudo internacional centrado na análise da seca de Tinderbox, no sueste de Australia, que precedeu aos grandes incendios nese país a finais de 2019 e principios de 2020. Entre as e os autores dese traballo está Milica Stojanovic, investigadora do grupo EphysLab (Environmental Physics Laboratory), pertencente á Facultade de Ciencias do campus de Ourense e ao Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo.

O estudo, titulado Australia’s Tinderbox drought: an extreme natural event likely worsened by human-caused climate change, foi realizado por 22 investigadoras e investigadores “de varias institucións de renome global”. Nel analizáronse concretamente as características e causas da seca de Tinderbox (no período de 2017 a 2019), que precedeu ao desastre dos incendios do coñecido como Black Summer. A seca de Tinderbox, explica a investigadora de EphysLab, caracterizouse por déficits de precipitacións na estación fría de ao redor do -50 % en tres anos consecutivos, "algo excepcionalmente improbable no contexto da variabilidade climática natural e que causou danos ecosistémicos e socioeconómicos de enorme magnitude".

Simulación computacional do transporte de humidade

No traballo realizado a participación de Milica Stojanovic consistiu en investigar as fontes de humidade para a precipitación en Australia e determinar o seu rol na atribución das condicións de seca extrema a través dun modelo de simulación computacional lagrangiano de transporte. “Os resultados amosaron que os déficits de precipitacións debido ao forzamento antropoxénico debéronse a unha redución do transporte de humidade de orixe oceánica en 2017, que se intensificou na estación invernal do ano seguinte, exacerbando a seca en 2018”, comenta a investigadora da UVigo. Ademais, o déficit acumulado de precipitacións sobre a rexión de seca do Tinderbox, engade, tamén conduciu a unha contribución anomalamente baixa de humidade de fontes terrestres en 2018 e 2019, o que intensificou a severidade da seca. Estes déficits de humidade, recolle o estudo, intensificáronse por temperaturas inusualmente altas, déficits elevados de presión de vapor e reducións sostidas na dispoñibilidade de auga terrestre. Así, sinálase no artigo publicado en Science Advances, o forzamento antropoxénico intensificou os déficits de choiva da seca de Tinderbox en arredor dun 18%.

Os resultados da abordaxe das fontes de humidade preséntanse no estudo conxuntamente cunha análise da precipitación asociada a sistemas meteorolóxicos que afectaron a rexión, así como a resposta vexetativa ante as condicións de estrés hídrico. “Os seus resultados confirmaron a importancia desta metodoloxía na atribución da orixe e severidade do fenómeno da seca e abre as portas para o seu uso en futuros estudos sobre predictibilidade deste fenómeno na rexión”, afirma Milica Stojanovic.

O grupo EphysLab destaca, entre outros aspectos, pola súa investigación arredor do ciclo hidrolóxico e o transporte de humidade, baixo a dirección dos catedráticos Luís Gimeno e Raquel Nieto. Neste senso, a participación da UVigo no estudo agora publicado xurdiu polo convite de Anjana Devanand, profesora da University of New South Wales e investigadora do Centro para a Investigación do Cambio Climático de Sidney, tras coñecer traballos previos dos membros de EphysLab neste eido, especialmente un sobre a seca na conca de Murray-Darling, tamén en Australia. Neste marco de traballo, Milica Stojanovic, doutorada pola Universidade de Vigo, centra o seu traballo investigador en EphysLab no fenómeno da seca e a súa relación co transporte de humidade desde rexións fonte oceánicas e terrestres, ademais do rol do transporte de humidade na modulación da actividade vexetativa.

0.17305397987366