O equipo de aeromodelismo do Campus de Ourense representou esta semana a Galicia nunha competición de drons

O equipo de aeromodelismo UVigo Aerotech participou estama semana XtraChallenge, unha competición universitaria de transporte de carga con drons de á fixa celebrada en Valencia. Nesta edición participaron 20 equipos de distintas universidades españolas, sendo o da Universidade de Vigo o único representante galego.
O equipo presentou o dron Peregrinus, deseñado, fabricado e pilotado polos 46 estudantes que traballaron no proxecto durante este curso académico. No equipo participaron principalmente estudantes da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e da Escola Superior de Enxeñaría Informática, xunto con alumnado da Facultade de Relacións Internacionais.
O obxectivo da competición foi deseñar unha aeronave non tripulada capaz de transportar a maior carga posible a máxima velocidade. Ademais das probas de voo, avaliáronse aspectos como o deseño técnico, os planos ou o modelo de negocio. O dron da UVigo ten unha envergadura de 2,61 metros, unha lonxitude de 1,56 metros e pode transportar 1,2 kg de carga.
O equipo preparouse realizando probas de voo en Ourense e contou co apoio de varios patrocinadores, entre eles Nort3D, a Axencia Galega de Innovación, Altair, Uarx Space, Coasa ou Marine Instruments.
Para os estudantes, esta participación foi a culminación dun proxecto no que combinaron formación práctica e traballo en equipo ao longo de todo o curso.