O equipo ourensán Captioma Elementals clasificouse para a final do torneo internacional de robótica ‘Western Edge Open’

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, recibiu esta mañá no Concello o equipo de robótica Captioma Elementals, formado por estudantes de entre 15 e 16 anos de idade que compiten na First Lego League. O equipo ourensán conseguiu clasificarse para a final internacional do Western Edge Open, que se desenvolverá en Long Beach, California, do 30 de maio ao 1 de xuño. O Concello colaborará co equipo concedéndolle unha axuda para os gastos de desprazamento para participar nesta competición.
O alcalde felicitounos polo excelente traballo realizado e desexoulles a mellor das sortes na súa participación nesta fase final.
O equipo ourensán, formado por estudiantes de 4º da ESO, suma así un novo éxito na súa traxectoria. En 2024 foi segundo no campionato autonómico de 2024 e clasificouse para a final do nacional, en Alacante, na que obtivo un premio ao emprendemento. En 2025, foi primeiro no campionato autonómico, conseguindo de novo o pase á final nacional. Nesta última, desenvolvida en Ferrol, o seu proxecto obtivo novamente premio co pase para a final internacional do concurso que se desenvolverá en California.
O proxecto deseñado polo equipo ourensán, denominado Destiny, consiste nun sistema para mellorar a comunicación entre submarinistas, utilizando gafas de realidade aumentada, luvas sensitivas e unha botoneira programable.