O escultor ourensán Xosé Cid presenta o catálogo “Silencio e materia”
O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu esta mañá a presentación do catálogo “Silencio e materia” que recompila os 50 anos da traxectoria profesional do escultor ourensán, Xosé Cid. O director da Área de Cultura e Deporte da Deputación, Marcos Vázquez, participou na presentación deste catálogo, onde o propio artista asinou exemplares aos alí presentes.
Logo de que “Silencio e materia” amose o traballo dun dos escultores galegos esenciais no panorama artístico do país nas dúas grandes salas expositivas do Centro Cultural, chega tamén este catálogo que “é unha ferramenta esencial para completar a profundidade e a riqueza da súa arte que permite conservar e manter no tempo o legado cultural dun dos grandes das artes plásticas”, sinalou Marcos Vázquez.
A mostra “Silencio e materia”, que aínda se pode visitar ata o 2 de xuño, abrangue traballos en mármore, pedra, madeira, barro ou bronce que dialogan entre si nun espazo que se identifica co silencio. Así como diversas fotografías con imaxes de monumentos públicos que Xosé Cid ten espallados pola xeografía galega e diversos debuxos e bocetos que serviron de preludio para o seu posterior traballo.