O Festival Abanea chega a Allariz este domingo

OurenseXa
Abanea destaca por levar a danza a vilas medianas e pequenas, promovendo a arte e a cultura por todo o territorio galego
Imaxe do Festival Abanea 2022
20 Xul 2024

O Festival Abanea celebra este 2024 a súa terceira edición, despregando un formato festivo e autonómico que abarca diferentes localidades galegas. Este ano, o festival achegará a danza a 5 concellos das 4 provincias galegas: Foz (Lugo), Outes (A Coruña), Ames (A Coruña), Marín (Pontevedra) e Allariz (Ourense).

Abanea destaca por levar a danza a vilas medianas e pequenas espalladas por todo o territorio galego, promovendo a arte e a cultura a diferentes espazos.

En total, o programa deste ano inclúe 16 funcións realizadas por 10 compañías de danza procedentes de Euskadi, Cataluña, Andalucía, Galicia, Madrid, Portugal e México. Ademais, haberá 18 actividades de mediación dirixidas por recoñecidos profesionais como Alejandra Balboa, Paula Quintas, Carlota Mosquera e Marta Alonso Tejada.

A programación no concello ourensán de Allariz arrancará este domingo, 21 de xullo, cun obradoiro de danza que terá lugar ás 18.00 horas nos Xardíns do Museo do Coiro ou na Sala de Exposicións A Fábrica en caso de choiva. O obradoiro ten como obxectivo que nais, pais, fillas e fillos desfruten dunha sesión de danza conxunta mediante xogos e exercicios que despois poden repetir na casa. A danza en familia é unha actividade de expresión, comunicación e imaxinación que fortalece o vínculo afectivo entre os membros da familia nun contexto lúdico e creativo, informan desde a organización. Os rapaces e rapazas que queiran asistir deberán ir acompañados dun adulto.

A partir das 20.30 horas, na Praza do Matadoiro, arrancará a programación de espectáculos coas pezas "Pensar a Contratempo", da artista Suevi Rojo e "En Cuclillas", da compañía Colectivo Premohs. Ademáis, Big South, unha escola de swing que promove a integración da arte na vida social a través da música swing e os seus bailes, levará a súa pista de baile ao concello ourensán coa música de DJ Abanea. Desde a organización informan de que, en caso de choiva, todos os espectáculos serán trasladados ao Pavillón Municipal.

0.19388508796692