O Festival de Música Clásica 'Ourenclásica' porá fin este sábado cun concerto de violín e piano

OurenseXa
O violinista ourensán José Manuel Álvarez Losada e o pianista Juan Carlos Cornelles subirán ao escenario do Teatro Principal no último concerto desta primeira edición do festival
José Manuel Álvarez Losada e Juan Carlos Cornelles
José Manuel Álvarez Losada e Juan Carlos Cornelles
20 Mar 2026

O Festival de Música Clásica Ourenclásica concluirá este sábado 21 de marzo cun concerto protagonizado polo violinista José Manuel Álvarez Losada e o pianista Juan Carlos Cornelles, poñendo así o broche final a esta primeira edición celebrada en Ourense.

O ciclo, organizado pola Deputación e o Ateneo de Ourense, desenvolveuse durante os tres primeiros sábados de marzo como unha nova proposta cultural centrada na música clásica. A programación comezou o pasado día 7 no Teatro Principal cun recital do guitarrista Marcos Díaz e continuou o día 14 coa actuación da soprano mallorquina Catina Bibiloni, acompañada ao piano por Manuel Burgüeras.

O concerto de clausura reunirá sobre o escenario a dous intérpretes de recoñecido prestixio nos seus respectivos instrumentos. José Manuel Álvarez Losada, nado en Ourense, desenvolveu unha ampla carreira internacional como solista e músico de cámara, actuando en salas de referencia en Europa, Estados Unidos e Asia, e colaborando con diferentes orquestras. Ademais, compaxina a súa actividade concertística coa docencia e foi o comisario desta primeira edición do festival.

Pola súa parte, o pianista Juan Carlos Cornelles conta cunha destacada traxectoria no ámbito da música de cámara, con actuacións en escenarios de Europa e América xunto a recoñecidos intérpretes. A súa carreira combina os concertos coa actividade docente en conservatorios superiores, onde exerce na actualidade como catedrático.

0.12190103530884