O Festival Internacional de Xardíns de Allariz abre as súas portas
Allariz inaugura este sábado, 11 de maio, ás 19.00 horas, a décimo cuarta edición do Festival Internacional de Xardíns de Allariz, que abrirá as súas portas ata finais de outubro.
Baixo o tema central "O xardín é unha obra de arte", o Festival alberga doce xardíns efémeros seleccionados entre case corenta propostas recibidas dende diferentes puntos da xeografía mundial. Destes doce, nove xardíns entran en concurso a través da votación do público que visita anualmente o recinto. Móstranse, ademais, os xardíns gañadores do ano pasado (voto popular e voto técnico), o colombiano Xardín Informal e o madrileño Xeometrías do Nilo respectivamente, ademais do xardín deseñado polo alumnado do IES de Allariz.
Paisaxistas galegos, madrileños, ecuatorianos, portugueses e austríacos participan nesta edición na que os visitantes poderán gozar de espazos dedicados a diferentes estilo artísticos. Poderemos atopar dende xardíns impresionistas, ata un xardín dedicado a danza, así como o característico arte pop.
O Festival Internacional de Xardíns de Allariz converteuse nunha cita consolidada no panorama paisaxístico e referente a nivel estatal por ser o único con estas características, polo que pasan, de maio a outubro, preto de 40.000 visitantes.