O Festival Internacional Rebulir celebra os seus 20 anos como motor cultural

O Festival Internacional Rebulir conmemora este 2025 a súa vixésima edición poñendo en valor a cultura e a tradición dende o Concello de Ramirás. A edición deste ano, que se celebra dende este xoves ata o domingo en diferentes espazos de Celanova, Ourense e Ramirás, e que foi presentada esta mañá, conta un extenso programa de actividades centradas na cultura tradicional galega, a música, a danza, artes escénicas, as artes plásticas e a educación.
A orixe do FIR remóntase ao ano 2005 como un Festival de Nadal de pequeno formato e, dende entón non deixou de medrar ata converterse no que é hoxe. Dende ano 2024 o festival está dirixido por Alexandre Sotelino Losada, docente, investigador e especialista na recuperación, difusión e posta en valor da cultura tradicional galega.
Grupos internacionais de Senegal, Ecuador, A Rioxa e Asturias, estarán presentes neste vixésimo aniversario que terá como punto culminante a entrega dos Premios Rebulir da Cultura Galega 2025. Nesta edición, o xurado recoñecerá figuras e proxectos destacados na música, as artes escénicas, a comunicación e a diáspora galega. Entre os galardoados están o grupo Malvela, a actriz Cristina Castaño, o programa “Luar” e, por primeira vez, a emigración galega en Euskadi.
CARÁCTER RURAL E PROXECCIÓN INTERNACIONAL
O Festival é organizado anualmente pola Asociación Cultural Rebulir, nada durante o curso 2005/2006 no Concello de Ramirás, seguindo coa senda aberta anteriormente pola Agrupación Folclórica Sendra, a Banda de Gaitas de Ramirás e a Escola de Baile de Ramirás. Ademais dunha asociación cultural, Rebulir é unha escola de música tradicional formada por un equipo de primeiro nivel, dirixida por Sotelino, que tamén exerce o cargo de vicepresidente da asociación e mestre de baile tradicional.
O FIR é, precisamente, un dos piares fundamentais da asociación grazas á cal este evento, que inicialmente nacía con un carácter local, foi medrando ao longo dos anos nun festival de gran calidade que combina tradición, internacionalización e participación comunitaria.
Porén, a súa raíz non cambiou, e o Festival segue fiel ás súas orixes e ao seu marcado compromiso coa vila que o viu nacer. Desde Ramirás, veciños e institucións apoian cada ano a este evento que hoxe en día é xa de dimensión internacional. A colaboración dos veciños e veciñas, do tecido asociativo e do propio Concello de Ramirás é, segundo destacan os organizadores, fundamentalmente para levar a cabo festival.
Pese a esta dimensión internacional, o FIR defende con orgullo o seu carácter rural e demostra que dende pobos e vilas pequenas pódense facer eventos de gran formato.
Na gala central do ano pasado, reuníronse 800 asistentes en Ramirás, o que non só contribúe á dinamización cultural da vila, senón que tamén é un apoio fundamental para a súa encomia e proxección turística. Así, cada ano, o concello convértese nun punto de encontro para fomentar as conexións culturais e poñer en valor as semellanzas entre distintas tradicións.
Con esta nova edición que arranca hoxe, o Festival Internacional Rebulir continúa consolidándose como un referente na promoción e preservación da cultura galega, impulsando o seu coñecemento e desfrute tanto dentro como fóra de Galicia.