O Festival Ourenclásica continuará este sábado cun concerto a cargo de Catina Bibiloni e Manuel Burgüeras

A Deputación e o Ateneo de Ourense organizan por primeira vez en 2026 o Festival de Música Clásica “Ourenclásica”, unha nova proposta cultural que comezou o pasado 7 de marzo no Teatro Principal cun recital do guitarrista Marcos Díaz.
O segundo concerto deste ciclo terá lugar este sábado, 14 de marzo, e estará protagonizado pola soprano mallorquina Catina Bibiloni, acompañada ao piano por Manuel Burgüeras. Bibiloni, galardoada no Concurso Art Jove de Palma en 2021 e finalista dos concursos internacionais Alfredo Kraus (Las Palmas, 2021) e “Dearte” (Medinaceli, 2022), ofrece regularmente recitales con acompañamento de piano e interpretacións con orquestra. Entre as súas participacións operísticas máis recentes destacan La Traviata, Suor Angelica e Dido and Aeneas, representadas no Teatro Principal de Palma. Como recitalista, actúa habitualmente xunto ao pianista Manuel Burgüeras.
A traxectoria artística de Bibiloni levouna a ofrecer concertos en diversas cidades europeas baixo a dirección de recoñecidos mestres como Montserrat Caballé, O. Ferreira, E. García Asensio, L. Hager, M. Hernández Silva ou E. Martínez Izquierdo. Formada tamén como violinista no Conservatorio Superior de Música das Illas Baleares, onde completou os seus estudos superiores, foi membro e colaboradora da Orquestra Sinfónica das Illas Baleares, The World Orchestra, Joven Orquesta de Castilla y León, Orquestra Filarmónica Portuguesa e da Orquestra de Cámara de Mallorca.
Pola súa banda, Manuel Burgüeras, acompañante habitual de Montserrat Caballé desde 1991, actuou en prestixiosas salas de concertos de todo o mundo, como Covent Garden e Royal Festival Hall de Londres, Carnegie Hall e Avery Fisher Hall (Lincoln Center) de Nova York, Symphony Hall de Chicago, Konzerthaus e Musikverein de Viena, Festspielhaus de Salzburgo, Concertgebouw de Ámsterdam, a Ópera de Roma, a Ópera de Zúric, Victoria Hall de Xenebra, Salle Pleyel, Salle Gaveau e Ópera Garnier de París, Teatro Colón de Bos Aires, Suntory Hall de Tokio, Musikhalle de Hamburgo, Liederhalle de Stuttgart, Ópera de Múnic, Alte Oper de Frankfurt e Deutsche Staatsoper e Philharmonie de Berlín, entre moitas outras.
Burgüeras realizou gravacións para varios selos comerciais, entre eles RCA Gold Seal-BMG e SONY. O seu álbum Música española para piano y voz del siglo XIX, patrocinado pola Fundación Autor, foi nomeado aos Premios Nacionais de Música de 2006. Na actualidade imparte clases no centro Katarina Gurska de Madrid e acompaña a cantantes en recitales en España e Europa.
Finalmente, o 21 de marzo terá lugar un concerto protagonizado por José Manuel Álvarez Losada ao violín e Juan Carlos Cornelles ao piano, que pechará esta primeira edición do festival.