O Festival Rebulir abre o prazo para presentar as candidaturas populares aos XIV Premios Rebulir da Cultura Galega

OurenseXa
As propostas poden presentarse ata o mércores 3 de xullo
rebulir
Festival Internacional Rebulir
20 Jun 2025

O Festival Rebulir vén de abrir o prazo para a presentación de candidaturas populares á décimo cuarta edición dos Premios Rebulir da Cultura Galega (PRCG), correspondentes ao ano 2025. Estes galardóns recoñecen anualmente a traxectoria e o traballo de persoas e entidades que destacan na promoción, defensa e difusión da cultura galega, consolidándose como un dos principais referentes neste ámbito en Galicia.

A convocatoria está aberta a toda a cidadanía, así como a colectivos e institucións que desexen propoñer candidaturas en calquera das categorías habituais: música galega, artes escénicas, comunicación, eido asociativo, literatura, entre outras. As propostas poden presentarse ata o mércores 3 de xullo na web de Rebulir.

Esta edición incorpora dúas importantes novidades que reforzan o carácter participativo e inclusivo dos premios. Por un lado, haberá unha nova categoría: “Mención Especial Rogelio García Yáñez”, creada específicamente para recoñecer o labor de colectivos que traballan pola cultura galega fóra do territorio galego. Esta nova distinción leva o nome de Rogelio García Yáñez, en homenaxe a unha figura destacada da emigración e do compromiso cultural galego no exterior.

Por outro lado, promoverase a participación cidadá no xurado, actuando como un membro máis da comisión avaliadora. Isto supón unha novidade no proceso de valoración, abrindo a porta á participación real da sociedade e reforzando o espírito democrático destes premios.

Os Premios Rebulir contan cun sólido historial de galardoados que avala a súa relevancia. Na edición de 2024, por exemplo, foron recoñecidos Treixadura, a actriz Isabel Risco e a Asociación de Gaiteiros/as Galegos/as. En anos anteriores tamén recibiron este premio figuras como Xurxo Fernandes, Luis Zahera, Fuxan os Ventos, Celso Fernández Sanmartín, Mercedes Peón, Xabier Díaz, Guadi Galego, Carlos Blanco, Uxía Senlle ou o Xabarín Club, entre outros nomes destacados.

A entrega dos galardóns está prevista para o mes de decembro, no marco da XX edición do Festival Internacional Rebulir (FIR), que se celebrará no concello ourensán de Ramirás. Trátase dun evento que combina tradición, arte, formación e innovación arredor da cultura galega e internacional.

A organización, a cargo da Asociación Cultural Rebulir, anima á sociedade a participar activamente nesta convocatoria, propoñendo persoas ou iniciativas que contribúan a manter viva e en evolución a cultura galega.

O certame conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense, o Parlamento de Galicia, o Consello da Cultura Galega, a Axencia de Turismo de Galicia, o Concello de Ramirás e o Concello de Celanova.

⚙ Configurar cookies
0.17129778862